Site icon Crónica3.com A Mariña

Descobre o PP que a Deputación non asignou fondos para paliar os efectos do ciclón “klaus”

NOTA DE PRENSA

O GPPP AFIRMA QUE A DEPUTACIÓN NON ASIGNOU FONDOS ESPECÍFICOS PARA PALIAR OS EFECTOS DO “KLAUS”

•    O voceiro adxunto José María González Barcia asegura que a  Deputación mentiu cando anunciou que se ía crear unha partida orzamentaria nova para tal fin

•    Os populares suliñan que os fondos para instalacións e equipamentos culturais e deportivos diminúen con respecto a 2008

Lugo, a 7 de abril de 2009.- O GPPP asegurou que a Deputación non conta con fondos económicos específicos para paliar os efectos causados polo temporal “Klaus”, en contra do manifestado nos medios de comunicación polos responsables da administracións provincial tras a celebración do pleno da pasada semana.

O voceiro adxunto dos populares, José María González Barcia, asegura que o que a Xunta de Goberno aprobou o venres pasado foron as axudas para concellos en materia deportiva e cultural, por un  importe global de 525.000’00€, pero que falta por aprobar a contía destinada a asociacións.

Máis concretamente, González Barcia indica que as subvencións a concellos para instalacións municipais será este ano de 125.000’00€, cando en 2008 adicáranse a este concepto 150.000’00€. Ademais, as axudas a concellos para instalacións culturais ascenderán no presente exercicio a 175.000’00€, cando en 2008 foran de 185.000’00€. É decir, os concellos disporán de 35.000’00€ menos en 2009 en comparación co 2008 para estes dous conceptos.

González Barcia explicou tamén que é dentro destas dúas liñas de subvención onde se establecen as axudas para paliar os efectos do temporal nas instalacions deportivas e culturais de competencia municipal, polo que non se crea ningunha partida orzamentaria nova para tal fin e, a maiores, diminúen a súa cuantía con respecto ó ano pasado.

Por eso, o voceiro adxunto dos populares considera que Antón Bao debe dar explicacións inmediatas ós concellos, porque foi a súa área a que remitiu unha carta ós municipios o pasado 27 de xaneiro a efectos de pedir información e “establecer unha liña de axudas” para paliar as consecuencias do temporal. “A realidade, unha vez máis, é que non hai nada de nada, non hai fondos novos e tírase dos xa existentes que estaban destinados a novas actuacións”, puntualizou Barcia.

En opinión do voceiro do GPPP, “a Deputación mentiu e enganou deliberadamente, o que representa un desprecio ós concellos e denota unha total ausencia de respecto institucional”.

Igualmente, Barcia afirmou que o deputado nacionalista Antonio  Veiga Otero é un “convidado de pedra porque, unha de dúas, ou non se entera ou non o informan, ou as dúas cousas ó mesmo tempo”. Lembra neste senso o voceiro adxunto popular que Veiga dixo no pleno que a Deputación cumpliría cos concellos e o resultado é radicalmente distinto. “Quen escribe o guión é Bao, e Veiga resulta ser un pésimo actor do mesmo”, engadiu.

Por último, o GPPP consideran que deste xeito a Deputación busca cada vez máis “unha política de subvencións clientelar e caciquil, que desprecia ós concellos e prima a determinados colectivos e asociacións con total ausencia de decoro político e cun afán desmedido de control do tecido asociativo que se traduce en ou aras polo rego que eu marco, ou non hai un euro”.

Exit mobile version