Site icon Crónica3.com A Mariña

Mil persoas achegáronse á oficina de Turismo de Ribadeo en Semana Santa

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, valora de xeito positivo o número de visitantes que se achegaron a este concello durante a Semana Santa. O rexedor sinala que “segundo os datos que nos facilitan desde a Oficina de Turismo, aproximadamente 1.000 persoas se achegaron a pedir información turística sobre o noso concello e sobre a nosa comarca. E debemos revelar un dato que é que se nota un turismo de máis proximidade, dado que unha porcentaxe moi alta se circunscribe a lugares coma Galicia porque moitos dos que viñeron chegaron desde Vigo e desde Pontevedra e a comunidades veciñas como Asturias ou País Vasco e redúcense os visitantes doutro tipo de latitudes, houbo menos xente de Madrid e máis de Valladolid. Estáse a dar que nos segue a visitar moita xente, pero de máis preto de nós”.
As Catedrais
Fernando Suárez engade que “esta xoia das Catedrais recibiu unha afluencia masiva de visitantes a pesares de que non é tempo estival nin de baño, pero a chamada de atención que provoca esta praia fixo que miles de persoas acudiran a este areal que estivo en perfecto estado de revista. Toda a costa foi desbrozada por Tragsa e desde o Concello tamén reforzamos os servizos de limpeza viaria tanto pola mañá como pola tarde. As Catedrais estivo limpa e os baños estiveron abertos, pero agora debemos facer máis actuacións de cara ao verán”.
O rexedor pensa que “é o momento de que o Ministerio de Medio Ambiente atenda as nosas chamadas e singularmente unha carta que eu lle mandei hai un par de meses para que sen máis demora dea luz verde a este proxecto de consolidación de todo este entorno litoral, de adquisición de todos os terreos que hai adxacentes á costa, para que se puidera facer unha actuación de máis envergadura. A intención é poñer en valor a praia das Catedrais e ao mesmo tempo lograr máis aparcamentos que faciliten o acceso a este areal ás miles de persoas que cada verán se achegan a disfrutar desta nosa xoia”.

Exit mobile version