Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo pagou a totalidade dos terreos para a nova EDAR por valor de 150.000 euros

RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo ven de facer efectivo o pagamento da totalidade dos terreos que ocupará a nova estación depuradora de augas residuais e que ascenden a preto de 150.000 euros. O alcalde, Fernando Suárez, sinala que “no día de hoxe damos un paso adiante de cara á construción desta depuradora para o concello. Unha depuradora que tiña pendente que o Concello aboase o diñeiro froito do acordo de expropiación dos terreos para poñelos a disposición da Xunta para que esta poida levar adiante esta inversión tan importante”. O rexedor segue a contar que “onte fixemos efectivo o pagamento da totalidade dos terreos que estaban aprobados en pleno desde hai uns meses e que por cuestión de liquidez non puidéramos afrontar ata este momento. Fixemos posible o pago practicamente de 150.000 euros que nos permite ser xa titulares de todos os terreos e poñelos automaticamente a disposición de Augas de Galicia para que se poidan, xa nas vindeiras semanas, iniciar as obras de construción penso que dunha das depuradoras máis importantes e máis avanzadas tecnoloxicamente de todo o Estado”.

Fernando Suárez engade que “esta infraestrutura vai suplir á antiga e obsoleta depuradora que tiñamos ata o de agora, que non tiña máis que un tratamento primario e esta nova vai ter tres tratamentos e incluso o terceiro vai ser un tratamento bacterolóxico que vai permitir que cumpramos moi por enriba co que marcan as directrices europeas en canto a tratamento de residuos urbanos. Ademais hai que ter en conta que esta depuradora vai tratar as augas como si fóramos unha zona sensible, hai que lembrar que somos reserva da biosfera e que contamos con zonas de marisqueo no noso entorno”.

O alcalde de Ribadeo destaca que “o que vai ser a xestión desta depuradora durante 20 anos será con cargo ao canon de saneamento que pagamos todos os galegos, de tal maneira que os veciños de Ribadeo para esta depuradora e durante vinte anos non terán que desembolsar nin un céntimo adicional do que agora estamos a desembolsar para ese canon. E iso penso que é unha xestión moi importante que lle debemos agradecer á Consellería de Medio Ambiente saínte porque tivo esta intención para con Ribadeo e é xusto agradecerllo”.

Suárez Barcia manifesta que “polo tanto agora cos terreos postos a disposición da Consellería de Medio Ambiente agardamos que nas vindeiras semanas a UTE que forman as tres empresas adxudicatarias destas obras e que se achegaban aos 7 millóns de euros, converta a Ribadeo nun referente no que ten que ver coa depuración de residuos urbanos”.

Exit mobile version