Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia o lamentable estado no que se atopa a estrada de Xove a Monte

Nota de Prensa

O PP DENUNCIA O LAMENTABLE ESTADO DA ESTRADA DE XOVE A MONTE

•    O Alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, pide unha actuación inmediata da Deputación

•    O voceiro adxunto do GPPP, José María González Barcia, afirma que a Deputación incumple os seus propios acordos

Xove, a 11 de abril de 2009.- O Partido Popular denunciou hoxe, cunha visita do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro Rapa, e o voceiro adxunto dos populares na Deputación, José María González Barcia, o estado lamentable que presenta a estrada de Xove á parroquia de Monte. Para os representantes populares, a superficie da estrada seméllase á lunar porque na vez de baches hai auténticos cráteres, e hai tramos onde é imposible andar medio metro sen atopar un socavón.

O Alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro Rapa, pediu unha actuación inmediata da Deputación. Indicou neste senso que a estrada é moi transitada, e nestes momentos a situación é insostible, xa que circular por ela faise sumamente dificultoso. O alcalde xovense manifestou que “o presidente da Deputación ainda non tivo ocasión de visitar oficialmente Xove, ainda que si se veu sacar unhas fotos ó faro do Roncadoiro, pero evita visitar as estradas que son da súa competencia, o que me parece unha descortesia institucional e unha falla de respecto ós veciños do concello de Xove.”

Demetrio Salgueiro foi máis alá, e manifestou que a situación do resto das estradas de competencia provincial no seu concello atópanse tamén nunha situación “manifestamente mellorable”.

Pola súa banda, o voceiro adxunto dos populares na Deputación, José María González Barcia, manifestou que a Deputación está a incumplir os seus propios acordos.

Así, lembrou que en 2005 foi licitada en 84.500’00€, e adxudicada en 63.000’00€, a obra de mellora do afirmado da estrada de Xove a Valcarría, entre o pk 1.400 e o pk 3.000, na parroquia de Rigueira. Esta obra foi paralizada polo bigoberno da Deputación, ainda que os trámites expropiatorios continuaron e as cartas chegaron ós afectados. A día de hoxe, todo apunta a que esta obra non se vai facer, así que a Deputación deberá explicar a que vai adicar os terreos expropiados, xa que en boa lóxica deberían revertir ós seus propietarios orixinais.

González Barcia afirmou que os deputados provinciais socialistas pola Mariña non brilan polo seu traballo: “Melchor Roel vai ó seu  aire, e Lara Méndez limita a súa xestión a un maiúsculo cero, ainda que nin unha nin o outro poden presumir de asistir ás xuntas de goberno, polo que cabe preguntarse que fan e por qué cobran. Do deputado nacionalista, Veiga Otero, mellor non falar, porque di o que lle manda Antón Bao”.

Salgueiro Rapa e González Barcia solicitaron da Deputación un compromiso de investimento e de temporalización do mesmo no concello de Xove, á vista da situación que presentan as estradas da rede viaria provincial neste concello, asi como a tramitación de certas obras de competencia da Deputación.

Exit mobile version