Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclamará que Fomento cumpra cos mandatos e negocie a apertura do dique norte de Alcoa

NOTA DE PRENSA

Os populares non se conforman co portazo do Goberno central á posibilidade de levar adiante a creación desta nova infraestrutura portuaria que traería consigo un avance socioeconómico  na nosa comarca só comparable ao experimentado fai tres décadas coa apertura da multinacional do aluminio.

OFENSIVA DO PP DA MARIÑA PARA RECLAMAR QUE FOMENTO CUMPRA OS MANDATOS PARLAMENTARIOS QUE LLE OBRIGAN A NEGOCIAR A APERTURA AO TRÁFICO XERAL DO DIQUE NORTE DE ALCOA

•    No Parlamento de Galicia: Balseiro Orol quere coñecer as xestións desenvolvidas polo anterior Executivo autonómico despois de que a proposta do PPdeG, as tres forzas políticas acordaran, en abril do 2008, esixir a implicación da Xunta na consecución deste obxectivo.

•    Nas Cortes Xerais: Os congresistas e senadores do PP buscarán coñecer o contido dos estudos e dos informes de viabilidade nos que se escuda o Goberno central para asegurar que non existe demanda empresarial para levar adiante esta nova infraestrutura portuaria.

•    Os populares proporán que concellos e Deputación reclamen a Fomento o cumprimento dos acordos polo que se lle insta a traballar cara a apertura do dique de Morás ao tráfico comercial xeral.

A Mariña, 29 de abril de 2009.- Despois de que o Goberno central dera un portazo ás expectativas da sociedade mariñá negándose por escrito a iniciar as negociacións oportunas coa multinacional ALCOA para abrir ao tráfico comercial xeral o dique norte de Morás, o Partido Popular da Mariña vén de anunciar a posta en  marcha dunha ofensiva parlamentaria que ten por obxecto esixir ao Ministerio de Fomento que cumpra os distintos mandatos que lle obrigan a levar adiante este cometido. Tanto no Parlamento de Galicia, en abril de 2008, como nas Cortes Xerais e nos plenos de varios concellos e da Deputación provincial aprobáronse no seu día iniciativas que reclamaban esta nova infraestrutura portuaria que agora se nos está a negar.

Os populares da nosa comarca non se conforman coa oposición do actual Goberno socialista de Zapatero e anuncian un conxunto de iniciativas parlamentarias para forzar ao Executivo central a non desbotar a creación do novo porto comercial de Morás que, na súa opinión, traería consigo un avance socioeconómico só comparable ao experimentado fai tres décadas coa apertura da multinacional do aluminio. “Tendo en conta a gravidade da crise na que estamos inxustamente inmersos as galegas e os galegos, non é de recibo que o Goberno central, responsable en gran parte desta situación, frustre a posibilidade de crear un novo porto comercial, imán de novas empresas e novas oportunidades para recuperar o emprego e a senda do progreso”.

SAÍDA ESTRATÉXICA DE MERCADORÍAS E AUTOFINANCIABLE

A maiores de todo isto, os populares ofrecen máis argumentos que fortalecen a súa petición e que o Goberno socialista de Zapatero parece non ter en conta: A situación estratéxica deste novo porto comercial permitiría abaratar os gastos de transporte e loxística de gran parte do sector industrial que opera na zona (industrias da madeira, pasta de papel, peixe conxelado,…) que, na actualidade, vense na obriga de empregar outros portos comerciais, como son os de Xixón, A Coruña ou Vigo. Ademais, o volume de ingresos que se xerarían por estas novas operacións comerciais engadido ao que na actualidade da lugar o movemento de mercadorías nos portos de San Cibrao e Ferrol –dependentes da Autoridade Portuaria con este mesmo nome- permitirían que a curto ou medio prazo que o investimento achegado para habilitar o actual dique de Morás como un peirao comercial fora autofinanciado con recursos propios.

NIN PSOE NIN BNG CUMPRIRON COA MARIÑA

A ofensiva do PPdeG seguirá unha triple estratexia con iniciativas xa en curso no Parlamento de Galicia, nas Cortes Xerais e nos entes locais: concellos e deputación provincial.

O secretario xeral do PP lucense e deputado no Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, explica que buscará coñecer cales foron as xestións desenvolvidas polo anterior Executivo autonómico despois de que, a proposta do PPdeG, as tres forzas políticas con representación parlamentaria na Cámara autonómica acordaran, en abril do 2008, no seo da Comisión de Infraestruturas e Obras públicas, esixir a implicación da Xunta de Galicia na consecución deste obxectivo. O deputado popular sospeita que PSOE e BNG tan só apoiaron esta iniciativa de cara á galería, para non quedar en evidencia diante da opinión pública, pero despois nin socialistas nin nacionalistas, fixeron o que debían facer para reclamar dos seus compañeiros en Madrid unha posición coherente. “Son os membros do PSOE no Goberno quen agora negan esta posibilidade e o BNG, sempre apoiou a Zapatero, pese a que afirmou que non o faría se non se consignaba o investimento correspondente nos orzamentos do Estado para crear esta nova infraestrutura comercial. Nin os uns nin os outros cumpriron coa Mariña”

Ao mesmo tempo os populares da Mariña reclamarán a través de varias iniciativas de control á acción do Executivo central, que dea a coñecer o contido dos estudos e informes de viabilidade nos que se escuda para asegurar que non existe demanda empresarial suficiente, capaz de facer interesante investir na creación desta infraestrutura portuaria. Tamén nos concellos e na Deputación provincial, os representantes populares reclamaran un cambio de posición de Fomento, que deberá cumprir os acordos polos que se lle insta a traballar e facer posible a apertura do dique de Morás ao tráfico comercial.

Exit mobile version