Site icon Crónica3.com A Mariña

Os condóns si que serven para algo

Os condóns si que serven para algo

Otero Regal

Sempre tiven moi claro a miña posición ante catro temas que en xeral adoitan xerar bastante discusión en calquera grupo de persoas o suficientemente grande: a homosexualidade, o aborto, a pena de morte e o dereito a unha morte digna. E respecto ao aborto, creo que hai unha gran diferenza en abortar nas primeiras semanas ca no último período de xestación. Pero con todo, creo que debe ser a nai quen decida, aínda que hai que poñer uns límites para non converter o aborto nun “método anticonceptivo” calquera, claro.

A reforma da lei do aborto de 1985 (a sociedade española é a mesma que hai case 25 anos?) o único que vai facer é regular unha situación que existe (e existirá). Por este feito a Igrexa fixo unha campaña (parece ser que despois da campaña do autobús, quedaron con ganas de máis…) co lema “Protexe a miña vida” e reivindicando que os linces están máis protexidos que os nenos en España (en realidade fetos… en realidade unha unión de células sen consciencia). E para apoiar á Igrexa algunhas confrarías (sobre todo andaluzas, aínda que tamén de Palencia ou Valladolid, menos mal que as de por aquí non secundaron a idea, o que agradecemos, sin lugar a dudas) queren manifestar o seu desacordo con esta reforma da lei levando un lazo branco. E aí está para min o problema.
Este un país onde existe liberdade de expresión, eu podo opinar o que queira sobre calquera cousa (como agora mesmo estou a facer en CRONICA 3 A MARIÑA, por exemplo) e por iso non debería existir ningún problema en que os confrades se posicionen en contra desta reforma. Si e non. A Semana Santa (igual que os touros, os sanfermins, O Naseiro ou a festa do bonito de Burela) é un evento cultural e festivo moi visible de cara ao exterior  e creo que se todas as catedrais e igrexas de  lucisen un lazo branco a maioría dos que se preguntan que por que os confrades non poden posicionarse en contra, entenderíano mellor. Non é questión de non poder, senón de que está fóra de contexto: que eses mesmos que se queixan organicen manifestacións paralelas, mesmo vería mellor que realizasen unha “folga” da Semana Santa, por exemplo.

Moita xente non entende e eu tampouco que  un país aconfesional segue mantendo os días festivos católicos. Sei que a maior parte dos españois son católicos (non practicantes) pero promover certas festas -por moi arraigadas que estean na tradición- é un menosprezo desa aconfesionalidad (e mellor non falemos do crucifixo nas aulas). Buscando un pouco sobre o tema encontrei o que se di no artigo V do Concordato de 1950 “O Estado terá por festivos os días establecidos como tales pola Igrexa no Código de Dereito Canónico ou noutras disposicións particulares sobre festividades locais, e dará, na súa lexislación, as facilidades necesarias para que os fieis poidan cumprir neses días os seus deberes relixiosos.
As Autoridades civís, tanto nacionais coma locais, velarán pola debida observancia do descanso nos días festivos”.
En teoria e certo que deixou de estar en vigor unha vez entrada a Constitución de 1978, pero nela  non pon nada ao respecto das festas. Así que me imaxino que para evitar “problemas” e por seguir coa continuidade, as festas se mantiveron seguindo o calendario cristián  E botando unha ollada ao calendario, agás o día do traballador (1 de maio), o día da Hispanidade (12 de outubro; aínda que coincide coa Virxe do Piar) e a Constitución (6 de decembro), o resto son relixiosos (sen contar os festivos de carácter rexional ou local -estes últimos case sempre relixiosos, adoitan contar cun santo patrón). Existe aquí a excepcion do dia das Letras Galegas.
Son conscente de que  todo esto é máis tradición que  relixioso (e para mostra están as miles de persoas que pasan pola igrexa para casarse unicamente polo “bonito” da cerimonia ou pola tradición que iso supón) e volvendo a o comenzo da miña parrafada, é por iso que calquera tipo de reivindicación que teña a comunidade católica debería facerse deixando fóra a Semana Santa ou os iconos relixiosos. E si, claro que así sería moito máis efectiva e os medios fixaríanse máis neles… pero a ver cando lles entra na cabeza que a Igrexa perdeu o poder que tiña antes, que por sorte xa non nos deixamos guiar por vellas crenzas e supersticións demasiado afastadas do mundo real no que vivimos. E si, os condóns si que serven para algo.

Exit mobile version