Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG calcula que 1 de cada 3 novos parados da provincia de Lugo é de A Mariña

Cartel elativo a actual crise, nunha manifestación

A MARIÑA .- Con motivo da conmemoración do Primeiro e Maio celebráronse onte diversos actos en A Mariña e sindicato CIG organizou unha manifestación en Foz. O remate do acto reivindicativo deron lectura a un manifesto no que se recolle que “na nosa comarca pasamos nun ano de 2.881 desempregados rexistrados a 4.010 o que supón un incremento do 40 por cento; por tanto, un de cada tres novos parados ou paradas da provincia de Lugo é da Mariña.

Manifesto da CIG

CIG-A Mariña/1º de maio de 2009/Foz
Polo emprego, dereitos e prestacións sociais
Por un novo modelo económico e social
Compañeiras, compañeiros,
Bos días e benvidos un ano máis á celebración do 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora.
Para preparar  o manifesto deste primeiro de maio repasei a documentación,  o discurso e a análise que o noso sindicato veu facendo nos últimos anos da situación económica, da actual crise, das orixes desta, e as medidas que dende o noso punto de vista seria necesario adoptar para paliala e superar este modelo económico.
Esta  análise da situación foise confirmando ano a ano como acertada, e, sen embargo, é evidente que na CIG nin somos profetas, nin temos a ningún premio nóbel ou gurú da economía como asesor. O que tan claro víamos nós, debería de estar igual de claro para todos aqueles que teñen moitos máis recursos, máis medios e máis información. E, como tontos non son, só cabe deducir que a súa falta de rigor é intencionada, e así uns (os compracentes) adicáronse a negar a existencia da crise, e outros (os catastrofistas) a dramatizar a situación; pero todos eles enganando e manipulando.
Para poder superar esta crise é imprescindible ter datos reais; pero non necesariamente os datos que nos subministra o Paro Rexistrado ou a Enquisa da Poboación Activa son os máis fiables. Todos podemos ler nas estatísticas que na nosa comarca pasamos nun ano de 2.881 desempregados rexistrados a 4.010 o que supón un incremento do 40% (por tanto, 1 de cada 3 novos parados/as da provincia de Lugo é da Mariña).
Pero sabemos que a realidade é máis crúa. Sabemos que a cada pouco o sistema de contabilización de parados é modificado coa conseguinte rebaixa do número total; sabemos que son máis os que se deron de baixa na Seguridade Social que os que se inscribiron no INEM, o que significa que cada dia temos entre nós a máis compañeiros/as que xa non teñen dereito a cobrar prestacións por desemprego. 35.000 familias galegas non teñen ingresos de ningún tipo. Nós podemos poñerlle cara a moitos dos que se atopan nesa situación, porque son veciños ou familiares nosos….
Outros moitos, como as compañeiras e compañeiros de empresas tan emblemáticas na comarca como Gres Burela, Sargadelos ou Costiñas, xa padecen un ERE, e aínda que non sexa de extinción de emprego sofren unha redución importante nas súas remuneracións.
É fundamental ter os pés no chan, coñecer a realidade…pero non para asustarnos, non para ter medo, non para desmoralizarnos, senón como primeiro paso para poder cambiala.
O seguinte paso ten que ser a loita, a mobilización, a defensa dos dereitos que temos e a conquista dun novo sistema máis xusto e máis solidario.Temos que aproveitar esta crise non para “refundar o capitalismo” senón para substituílo por un novo socialismo.
Co medo e a desinformación o único que pretenden é atenazarnos, aproveitar para, co apoio do seu poderío mediático, endosarnos unha nova reforma laboral, unha nova volta de torca ao mesmo sistema neoliberal que xa fracasou. Machaconamente insisten na flexibilización do mercado laboral, no abaratamento dos despidos (falan de 8 dias de indemnización por ano traballado), na redución e privatización das pensións, no retraso da idade de xubilación, na redución de impostos para os poderosos,…
Sen dubida son tempos difíciles, pero todas as conquistas sociais tiveron o seu custe. Temos que dar a batalla, e utilizar todas as armas que temos ao noso alcance.
No sindical non descartar ningunha medida de presión, e traballar por unha unidade sindical real se os outros sindicatos están dispostos a entrar nesa batalla que nós xa iniciamos hai uns anos contra o liberalismo.
A defensa do emprego é prioritaria para a CIG, o mantemento dos que hai e a xeración de novos postos de traballo de calidade. O reparto do traballo como medida solidaria para evitar os despedimentos. Non podemos consentir que na mesma empresa simultaneamente se fagan horas extras e se destrúan postos de traballo. Sectores como o da construción poderían crear miles de novos postos de traballo so coa aplicación rigorosa da xornada de convenio. Debemos denuncia os abusos de certos empresarios que se aproveitan do clima de crise para alixeirar e renovar cadros de persoal. O mantemento do poder adquisitivo e fundamental para reactivar o consumo e non podemos ceder ao chantaxe da patronal que ten paralizada a negociación dos convenios e as subas salariais. É de xustiza a implantación dun salario social que garanta uns ingresos suficientes para que todos poidamos levar unha vida digna, ou do contrario estaremos condenando a milleiros de compañeiros/as á exclusión social.
Pero tamén temos que dar a batalla no político, aproveitar todas as posibilidades que o sistema nos dá e apoiar a aquelas forzas que comparten os nosos obxectivos e non a aquelas que defenden o contrario. A primeira ocasión témola o vindeiro mes onde elixiremos un parlamento, o europeo, que pode parecer moi lonxano pero que ten competencia para lexislar sobre moitas materias que inciden directamente na nosa vida, como cidadáns e tamén como traballadores. Podemos lembrar algunha das medidas que  pretenderon adoptar e contra as que xa nos temos manifestado: A xornada de 65 horas, a directiva Bolkestein, o Tratado Constitucional etc.
En canto aos gobernos español e galego hai que dicirlles que basta de xestos e de boas palabras; os gobernos teñen que tomar medidas e que estas vaian na liña de defender os servizos públicos e os sistemas de protección social, da creación dunha banca pública que apoie realmente o sistema produtivo e as familias, dunha fiscalidade realmente progresiva, dun investimento en infraestruturas, medio ambiente e investigación.
Eu preguntome, qué economía é a que necesita unha inxección de capital? A dos bancos, que gañaron 52 millóns de euros diarios no que vai de ano, ou a das familias, comerciantes e pequenos empresarios que non poden chegar a fin de mes?
Desgraciadamente o programa económico que nos anunciou na campaña electoral o actual goberno da Xunta vai no sentido oposto ás nosas reivindicacións. Esperemos, por tanto, que incumpran o seu programa. Como esperamos tamén que abandonen esa política de agresión contra a nosa lingua que lles ven ditada dende o máis reaccionario do españolismo madrileño e que intenta liquidar o que foi o primeiro consenso de toda a sociedade galega e as súas forzas políticas para frear a inxustiza e a discriminación que viña sufrindo o idioma propio do noso país e aqueles que queremos impedir a súa desaparición.
Temos confianza no futuro, sabemos que a clase traballadora unida superará esta crise. As nosas reivindicacións non son novas e co noso impulso podemos facelas realidade.
Polo emprego, dereitos e prestacións sociais
Por un novo modelo económico e social
Viva o 1º de Maio!
Viva a Clase Traballadora!
Viva Galiza Ceibe!

Xorxe Caldeiro Diaz
Secretario Comarcal CIG A Mariña

Exit mobile version