Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación quere achegar aos colexios actividades que descubran ao alumnado o gusto pola música

SAN CIBRAO .- O delegado de Cultura da Deputación de Lugo acompañou aos nenos e nenas do colexio de Galdín de Cervo no concerto musical “O deserto de Rub Al-Khali”. A Área de Cultura da Deputación de Lugo pretende achegar aos colexios con poucos recursos actividades deste tipo que descubran ao alumnado infantil o interese e o gusto pola música.

Nota de Prensa

O DELEGADO DE CULTURA DA DEPUTACIÓN ACOMPAÑOU AOS NENOS E NENAS DO CEIP GALDÍN DE CERVO NO CONCERTO MUSICAL “O DESERTO DE RUB AL-KHALI”

A Área de Cultura da Deputación de Lugo pretende achegar aos colexios con poucos recursos actividades deste tipo que descubran ao alumnado infantil o interese e o gusto pola música

LUGO, 28 de maio de 2009. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, acompañou aos case 80 nenos e nenas do CEIP Galdín de Cervo a presenciar o concerto musical “O deserto de Rub Al-Khali”, a cargo do dúo DVÁ, composto por Vadim Yukhnevich e Manuel Vázquez. “O deserto de Rub Al-Khali” é un concerto musical que transcorre a modo dun conto, no cal os seus protagonistas, dous músicos, van interpretando as pezas na súa viaxe ao deserto para afinar os seus instrumentos xunto da persoa co mellor oído do mundo, e tamén as orellas máis grandes, a anciá Mughk.

Este conto-concerto fixo as delicias dos preto de 80 nenos e nenas do CEIP Galdín e, como sinalou o delegado de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, “serviu para introducir no mundo da música dun xeito ameno, e ao mesmo tempo enriquecedor, a un público moi novo”. O nacionalista Veiga salientou que a Área de Cultura da Deputación seguirá pulando “para que actividades como estas cheguen a todos os colexios e escolas das comarcas lucenses, especialmente a aquelas que contan con poucos medios para organizaren por si mesmas actividades de tipo cultural e formativo alén das contempladas no currículo escolar”.

Logo de presenciar xunto aos cativos e cativas a actuación musical, Antonio Veiga compartiu con eles as súas impresións sobre o concerto, do que quedaron encantados, e agasallounos cun lapiseiro para empregaren nas súas aulas. Para finalizar a visita, o delegado de Cultura da Deputación, acompañado da directora do CEIP Galdín, fixo un percorrido polas instalacións docentes e animou ao profesorado a continuar con folgos no seu traballo a prol da formación da mocidade, futuro de Galiza.

Actividade programada dentro de “100 Soños”
Este conto-concerto musical, “O deserto de Rub Al-Khali”, é unha das actividades programadas dentro do proxecto “100 Soños”, dirixido aos centros de ensino de educación infantil e primaria lucenses. Este proxecto, deseñado e promovido pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, pretende fomentar a lectura entre os máis pequenos, espertar o seu interese pola súa música e polo teatro a través dunha peculiar interpretación da doce historia de “Chocolata”, do propio concerto musical “O Deserto de Rub Al-Khali”, grazas ás interpretacións do dúo DVÁ, e da representación da peza teatral “Babiliglub!”.

Este proxecto naceu coas arelas de botar a andar unha campaña que achegase, de xeito ameno e distendido, a comunidade educativa á interculturalidade e á creación artística galega dos últimos tempos. Entre os obxectivos de “100 Soños” está o de fomentar o espírito crítico nunha etapa na que os nenos e nenas comezan a desenvolver a súas aptitudes e actitudes. A posta en marcha deste proxecto pretende ampliar e reforzar a actividade docente impartida nos centros, programando unhas actividades extra escolares cun fondo contido educativo e pedagóxico que contribuirán a mellorar e incrementar as ganas de aprender dos nenos e nenas, facendo fincapé naqueles centros que contan con menos recursos e non poden ofertarlle ao seu alumnado este tipo de actividades complementarias.

Exit mobile version