Site icon Crónica3.com A Mariña

A II Volta ciclista ás comarcas de Lugo discorrerá por A Mariña, Lugo, Ancares e Chantada

Antón Bao presentou a proba en Lugo

LUGO .- Un total de 18 equipos de ámbito nacional, estatal e internacional participan na segunda edición da proba ciclista Volta ás comarcas de Lugo que presentou na capital da provincia vicepresidente da Deputación, Antón Bao. Esta competición, que organiza o Club Ciclista Cidade de Lugo, discorrerá por A Mariña, Lugo, Ancares e Chantada.

Nota de Prensa

ANTÓN BAO PRESENTA A II VOLTA ÁS COMARCAS DE LUGO NO PAZO DE SAN MARCOS

Un total de 18 equipos de ámbito nacional, estatal e internacional participan nesta competición que organiza o Club Ciclista Cidade de Lugo

A zona da Mariña, Lugo, Ancares e Chantada serán os escenarios naturais polos que discorrerá a segunda edición desta proba

LUGO, 19 de maio de 2009. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, presentou este martes a II Volta ás Comarcas de Lugo – Gran Premio Deputación –  que se desenvolverá os días 29, 30 e 31 de maio en varias zonas da Mariña, Lugo, Ancares e Chantada. O Pazo de San Marcos acolleu esta presentación na que, ademais do nacionalista, participaron o presidente da agrupación organizadora Club Ciclista Cidade de Lugo, Eugenio Paz Fernández, os alcaldes dos concellos de Ribadeo e Cervantes, Fernando Suárez Barcia e Benigno Gómez Tadín, e os concelleiros de Deporte de Lugo, Chantada e Becerreá, José Manuel Díaz Grandío, Jesús Mazaira Varela e Claudio Vázquez, respectivamente. A maiores, o acto de presentación desta segunda edición da Volta ás Comarcas de Lugo contou coa presenza do ciclista do Galicia Xacobeo, David García, un deportista galego, gañador de entre outros tours, dunha etapa da Volta a España (2008), da Volta a Turquía (2008 e 2009) e, recentemente, da Volta á Rioxa.

Na súa intervención, Antón Bao auguroulle un prometedor futuro a este campionato logo do “gran éxito acadado na súa primeira edición e que, de seguro, se repetirá este ano”. Nesta liña, o vicepresidente da Deputación de Lugo lembrou que un dos obxectivos da Área de Deportes desta entidade é o de “fomentar a práctica do deporte, sexa cal sexa a súa disciplina, en todas e cada unha das comarcas lucenses”. Así, o nacionalista resaltou que “seguimos traballando para descentralizar a práctica e a organización de determinados eventos deportivos”, un feito que suporá “un forte impulso socioeconómico” para as zonas nas se poñan en marcha este tipo de iniciativas. De feito, Bao comentou que “a ruta Lugo-Ancares, unha novidade nesta segunda edición da Volta, servirá para pór no mapa do deporte e, concretamente do ciclismo, a Comarca dos Ancares”. Nisto último tamén fixeron fincapé o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e o concelleiro de Deportes de Becerreá, Claudio Vázquez, quen aseguraron que esta proba é un xeito de “promocionar” unha zona cunha gran riqueza paisaxística e “moi dura” en termos deportivos.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia,“valorou moi positivamente o labor desenvolvido pola Área de Deportes da Deputación en prol da descentralización da práctica deportiva” ao tempo que salientaba, facendo referencia ao discurso de Antón Bao, “a necesidade de seguir apoiando o deporte de base para axudar ás futuras estrelas do deporte lucense”. De feito, o vicepresidente da Deputación de Lugo remarcou na súa intervención o traballo realizado por “dúas promesas do ciclismo” como son o campión galego de fondo en estrada elite e sub 20, José Antonio Cerezo, e o gañador do premio de montaña da 4º Rota dos Móveis, Gustavo Rodríguez, presentes no acto. Alén disto, todos os participantes na presentación da II Volta ás Comarcas de Lugo instaron ao resto das administracións locais e nacionais a seguir traballando e apoiando a práctica deportiva e a creación deste tipo de eventos en todas as comarcas lucenses.

Unha proba “espectacular” e de “alto nivel”
Segundo sinalou o presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, Eugenio Paz Fernández, esta II Volta ás Comarcas de Lugo contará coa “maior e mellor participación de todas as voltas por etapas que se disputan en Galiza”. Así, a organización do evento fixo público que na presente proba ciclista se inscribiron un total de 18 equipos: 7 deles galegos – Artesanía de Galicia-Cidade de Lugo, Supermercados Froiz, Chint Autronic, Cymasa, Caixanova, Renault Caeiro e Aluminios Cortizo – 2 portugueses – Crédito Agrícola Pombal e Santa María da Feira-Lecrec – outros 7 españois – Universidad Polotécnica de Valencia-Bancaja, Diputación de León, Camargo-Ferroatlántica, Andalucía CajaSur, Construcciones Paulino, Mutua Levante-Cafemax e Nagares-Hospedería de Cañete –, a Selección de Rusia (Lokomotiv) e o equipo italiano Palazzago Grigolin Solaris.

No canto ao percorrido, Paz Fernández comentou que a primeira das etapas terá como punto de saída e chegada a localidade de Ribadeo. Ás 13:30 horas do día 29 de maio comezará primeira das xornadas na que os participantes percorrerán un total de 142 km pasando polos Concellos de Viveiro, Mondoñedo e Burela. O sábado 30 de maio terá lugar a denominada “etapa raíña da Volta”.Con saída (ás 13:30)  en Lugo e cun percorrido duns 30 km pola comarca, vólvese á cidade das murallas para comezar un periplo polas localidades de Nadela, O Corgo, Baralla, Becerreá (Campo de Árbol) e Cervantes (Líber, Ponte de Gatín e Doiras). Á súa chegada ao albergue dos Ancares (Campa da Braña), os ciclistas percorrerán, na segunda xornada, máis de 142 km. A II Volta ás Comarcas de Lugo remata igual ca primeira edición deste premio: con saída (ás 10:30 horas) e chegada na localidade de Chantada cun percorrido de 141 km. Por último, cómpre salientar que para o presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo esta proba é “todo un espectáculo visual” que conta cuns participantes “de alto nivel”.

Exit mobile version