Site icon Crónica3.com A Mariña

Aínda existe xente caralluda

Agora que as conversacións de café, mesón ou taberna están poboadas de manguis, especuladores, sabichóns e analistas culpables desta crise da que o léxico nos ataca constantemente (coa excepción do “Barça”, doo fútbol, que nos dá moita tregua), unha breve charla con motivo da inauguración da exposición adicada a MARUJA MALLO provocoume o curtocircuíto. Contábame que unha vez remataba a xornada, pasaba todas as semanas por non sei que centro acompañar persoas sen fogar durante unhas horas. Así, sen darlle importancia.

Non se trata dun deses admirables loitadores polo planeta, nin dunha misioneira entregada á salvación dos corpos e as almas, nin dun cooperante que vive de proxecto en proxecto… -todos francamente loables, por certo-. Non. Alguén de andar pola casa. Alguén que me recordou historias similares que fun recompilando e que, tras isto, puxen xuntas. A dun avogado discreto que defende aos que non teñen defensa (non porque non a merezan, senón porque non a poden pagar), a dun profesor de inglés con alumnos entre reixas ou a de alguén moi moi próximo que cobrou un bo diñeiro que non esperaba e, de camiño á casa, deixou a metade na gorra dun deses desgraciados (no sentido de desgracia e non no pexorativo) que piden o que sobra nas rúas de calquera cidade… Xente admirable de verdade que non sae nos xornais.

Eu, que me limito a deixar o euro na funda da guitarra do meu cantante favorito, outro dia lles contarei que os mellores concertos non nos escoitei nin en teatros nin en grandes escenarios, escoiteinos, e sego a facelo nas rúas das cidades… (Sabina foi un deles…), respondería que si, que moi ben, pero que o sinto moito, que non teño tempo. E non é que non o encontre. É que, por desgracia, non se me ocorreu buscalo.

Todo isto é moi bonito, pero tamén creo que se todos nos dedicaramos a estas cousas, lamentablemente, desaparecería o mérito de tan precioso labor. É dicir, a bondade e xenerosidade humana son preciosas precisamente porque son escasas. Sei que isto pode soar duro e politicamente desafortunado, pero é a verdade. Tamén está claro que un pouco máis de xente deste tipo non nos viría mal. Evidentemente cada un ten a súa vida, os seus problemas, as súas afeccións… e o seu tempo.

Exit mobile version