Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela achega a festa da Marosa a praza da Mariña

BURELA .-  Burela acolle os días 15 e 16 de maio a Festa da Marosa “Goza co saber dos povos” que nesta edición achegase a praza da Mariña. Serán dúas xornadas cheas de actos e actividades nas que se mestura a música, o teatro, o audiovisual e a gastronomía. O programa presentouse sábado e o acto asistiu o delegado da área de Cultura de Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, a primeira tenente de alcalde de Burela, Neves Cando, e organizadores do evento.

Nota de Prensa

ANTONIO VEIGA PARTICIPA NA PRESENTACIÓN DA XII+I EDICIÓN DA FESTA DA MAROSA EN BURELA

A Mariña converterase, os días 15 e 16 de maio, na capital cultural da música, do teatro, do audiovisual e da gastronomía lucense

LUGO, 2 de maio de 2009. O delegado da Área de Cultura de Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, participou este sábado na presentación da XII+I edición da Festa da Marosa “Goza co saber dos povos” que terá lugar os días 15 e 16 de maio en Burela. A praia da Marosa, a praza da Mariña e a Casa da Cultura son os espazos escollidos pola asociación organizadora, a Sociedade Cultural, Deportiva e Recreativa “Palestina”, para desenvolver a totalidade das actividades do festexo. Na presentación da festa, tamén estiveron presentes  ademais de varios dos integrantes da agrupación organizadora, como son Tontxo Trelles, Paloma López, Enma Pardo, Chema Teijeira ou Manolo Maseda, a concelleira de de Cultura de Burela, Neves Cando.

Na súa intervención, Antonio Veiga salientou os esforzos realizados “ano a ano” polos organizadores dun festival que “segue a medrar e a dinamizar a vida cultural non só da vila senón de toda a comarca da Mariña”, achegando a música a todos os veciños e veciñas sen ningún tipo de distinción, asegurou. Nesta liña, o delegado da Área de Cultura da Deputación asegurou que a música, o teatro, o audiovisual e a propia gastronomía da zona definen á súa xente. Así, este tipo de iniciativas contribúen notablemente a “incrementar o turismo na comarca” e a “espallar as nosas costumes e tradicións por todo o país”, comentou o nacionalista. Con todo, Veiga engadiu que este festexo naceu nuns “momentos difíciles” pero que logo de 13 anos conseguiu “consolidarse coma un evento de gran interese que defende a nosa linga e a nosa cultura”. Por iso, a Área de Cultura da Deputación “apoia” e “aposta” pola posta en marcha deste tipo de iniciativas en todas e cada unha das comarcas lucenses, salientou o nacionalista.

As consellerías de Cultura e Turismo do Concello de Burela e as áreas de Cultura e Xuventude, dependentes da Vicepresidencia Primeira e Terceira, respectivamente, colaboran na posta en marcha nun festival de referencia no país e que converte á Mariña e aos seus arredores na capital cultural da música, do teatro, do audiovisual e da gastronomía lucense.

Dous días ateigados de actividades
O obradoiro audiovisual “Canta Claro” abre o programa de actividades do festexo na praza de Abastos o venres 15 ás 18:00 horas. Máis tarde, ás 20:00 horas, a praia da Marosa acollerá a estrea da composición musical “Marcha da Marosa”, composta por Edelmiro Fernández, dentro da sección denominada “Música ao por do sol”. Ás 21:30 horas, o teatro será o protagonista por excelencia. A Casa da Cultura acollerá a estrea da peza “Obra: No Coment” de Excéntricas Producións. Xa por último, ás 23:00 horas dará comezo a “Foliada do Norte” na que participarán “grupos de recoñecido prestixio dentro e fóra das nosas fronteiras” como “Foula”, “Banda das Crechas” e “Tiruleque”, asegurou a organización do evento.

Ao día seguinte, o sábado 16 de maio, a troula comezará a media mañá na praza da Mariña baixo un programa de xogos para os máis novos titulado “Castelos no Aire”. Logo disto, o grupo de folk “Os Festicultores” amenizará a sesión vermú e, ás 14:30 horas, dará comezo “O Xantar de Cuadrillas”, o encontro gastronómico “cocido pataqueiro”. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, a Casa da Cultura acollerá o obradoiro de baile “Seica-baila-lo-suelto”. Á noite, ao redor das 22:30 horas, a praza da Mariña acollerá, por segundo día consecutivo, un festival musical no que participarán “Clan Maragato”, “Luar na Lubre” e “Galegoz”.

Todas as actividades incluídas no programa da XII+I edición da Festa da Marosa son de entrada libre e gratuíta, agás o concerto musical do venres 15, no que o prezo da entrada ascende a 3 euros.

Exit mobile version