Site icon Crónica3.com A Mariña

Crean en Ourol “O Milleiro de Ourol” unha nova asociación cultural

OUROL .- Presentase en Ourol a nova asociación cultural “O Milleiro de Ourol” que “nace con ilusión e a pretensión” de realizar unha programación cultural na que se inclúen, ademais de diversas actividades de divulgación de usos e costumes propios do concello de Ourol, outras de carácter xeral asentadas na tradición cultural e social Galega.

NOTA DE PRENSA

PRESENTACION PUBLICA DA ASOCIACION CULTURAL “ O MILLEIRO DE OUROL”

Ourol, 15 de maio de 2009. A Asociación Cultural “O Milleiro de Ourol” fai a súa presentación pública o sábado 16 de maio as 19.00h. no local da asociación situado na segunda planta do edificio de correos da Rúa do Mesón en Ourol.

A A.C. Milleiro de Ourol conta na actualidade con 20 socios e socias e nace con ilusión e a pretensión de realizar unha programación cultural extensiva á práctica totalidade do ano 2009 na que se inclúen ademais de diversas actividades de divulgación de usos e costumes propios do concello de Ourol, outras de carácter xeral asentadas na tradición cultural e social Galega. Ademais, tendo en conta a sensibilidade dos socios e socias desta entidade pola musica tradicional galega, está na intención de Milleiro de Ourol, a creación dun grupo estábel de musica tradicional para a formación de músicos e recuperación da tradición musical do concello de Ourol.

Programa para o 16 de maio.

1.- Conferencia sobre a figura de Ramón Piñeiro

Ademais da presentación do programa de actividades para o ano 2009, Milleiro de Ourol, dará inicio a este programa cunha conferencia do historiador Manuel Requeixo Arnejo dedicada a figura de Ramón Piñeiro, figura á que está dedicado este ano o Día das Letras Galegas.

2.- Recoñecemento ao músico e escritor de Ourol José Antonio Carballido

No acto estará presente o escritor e musico local, José Antonio Carballido, a quen a asociación quere facer un recoñecemento público polo seu traballo. Este veciño de Ourol ten editado seis libros en diferentes disciplinas literarias, tanto novela como poesía, ademais de varias obras musicais.

3.-  Apoio aos actos na defensa da lingua galega.

Milleiro de Ourol mostrara a súa preocupación polo retroceso no uso da lingua galega coa proxección de vídeos aportados pola MESA pola normalización lingüística co que se pretende dar apoio aos actos organizados o 17 de maio en defensa da lingua galega.

4.- Presentación do proxecto para creación dunha escola de gaitas.

De acordo co programa de traballo da asociación para o ano 2009, farase a presentación do proxecto da asociación para crear unha escola de gaitas en Ourol.

Como remate final ofrecerase aos asistentes aos actos uns pinchos e actuación dun grupo de gaitas.

Exit mobile version