Site icon Crónica3.com A Mariña

Eu amo o galego

Por Emilio González Legaspi

O domingo pasado, día das Letras Galegas, sentinme novo, pero moi triste. Novo porque recordei tempos pasados, unha volta atrás no tempo, como hai trinta anos, para espreguizarnos da ditadura franquista, reclamando dereitos para a miña identidade lingüística. Pero sentinme triste porque nunca pensara en chegar outra vez a esta situación de ataques para unha lingua minorizada e infravalorada polos seus propios falantes. Pero fun porque amo a miña lingua e teño que defendela como se defende un fillo, aínda que estea eivado.

Eu amo o galego porque naceu comigo, forma parte da miña vida, da miña persoa, porque o herdei da miña familia, porque me une cos meu amigos e coa miña xente, porque sempre me axudou a entenderme e comunicarme e aprender outros idiomas relacionados co mundo latino.

Eu amo o galego sen complexos e non podo entender aqueles que renegan da propia identidade, aínda que logo se queixein de que ninguén nos axuda ou nos ten en conta no concerto da política estatal ou europea. Deberan saber que quen non se quere así mesmo, non pode esperar que os outros o aprecien.

Quen propaga o reducionismo de que co galego non se pode defender máis aló de Pedrafita é porque nunca saíu do país e non sabe que alén dos Perineos ten a mesma posibilidade de entenderse en galego ou castelán, ningunha, agás que saiban inglés, cousa que non ocorre porque os monolingües teñen pouca disposición para aprender outros idiomas. No territorio español os galegofalantes non teñen ningún problema porque son bilingües competentes en castelán por obriga, mais nunca se dá o caso contrario: os casteláns falantes só son capaces de expresarse neste idioma, o galego desprézano e o inglés dálles vergoña.

Quen argumenta sobre a utilidade do galego é porque ignora a capacidade de comunicación da nosa lingua para relacionarnos cunha comunidade máis ampla que os que só falan castelán. Todas as culturas suman, nunca restan. Saber idiomas axuda a aprender novas linguas, como está demostrado cientificamente por filólogos e lingüistas de todo o mundo. Calquera persoa galegofalante é quen de comunicarse con 440 millóns de hispanofalantes máis con 240 millóns de falantes de galego-portugués, co que isto significa de perspectivas económicas e culturais.

¿Quen, nos seus cabais, pode renunciar á súa herdanza, ao seu patrimonio cultural e histórico máis prezado?. ¿Alguén imaxina un francés rexeitando a Moliere, un inglés desprezando a Shakespeare, un alemán ignorando a Goehte?. Pois a maioría política dos galegos debemos ser entrecordos para querermos esquecer as Cantigas, subestimar a Rosalía, relegar a Curros, menosprezar a Cunqueiro. ¡Non sei con que imos encher o Gaias!.

Quen proclama a imposición do galego estase rendendo aos cantos de serea da propaganda centralista da ultradereita e semella que queren suicidarse como pobo. Nunca se impuxo en ningures o galego, entre outras cousa, porque nunca houbo capacidade para facelo. Sempre foi o idioma das clases máis humildes, sen poder de ningún tipo. Non hai máis que analizar a realidade para darse conta de quen é a vítima, de que o que está en inferioridade é o galego. Case seis séculos de resistencia humilde que vai perdendo terreo, respecto e dignidade.

Non se entende esta situación máis que nunha comunidade enferma, con síntomas de autismo autrodestrutivo, que desencovan en comportamentos paranoicos coma os dos políticos do PP que renegan do galeo falando en galego.

O pobo que non defende o seu patrimonio está abocado a perdelo e desaparecer, porque a mesma actitude que temos coa lingua, témola coa economía, coa industria, coa pesca, cos monumentos, coa paisaxe, coa gastronomía. Poida que sexamos a penúltima xeración que reclame o dereito e a liberdade para falar e usar o galego con normalidade en todas as facetas da vida. Quedamos avisados. Logo será tarde para laiarse.

Exit mobile version