Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz xa recibe servizos de R e está previsto que preto de 7.500 fogares e empresas dispoñan de conexión

FOZ .- O Concello de Foz xa recibe os servizos de R que xa completou unha primeira fase das tarefas de despregamento de rede no núcleo urbano; arestora estanse a acometer as obras na rúa Eduardo Pondal e de contado realizaranse os traballos na rúa Pascual Veiga.

Nota de Prensa

O Concello de Foz xa recibe os servizos de R

Está previsto que preto de 7.500 fogares e empresas de Foz dispoñan de conexión directa á rede de R para acceder aos servizos integrados de teléfono, internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil R

Luns, 25 de maio de 2009.- Dende finais de 2008, os habitantes de Foz xa poden recibir os servizos de R. Deste xeito, o concello lucense entra a formar parte do grupo de localidades galegas que dispoñen de conexión directa á rede de telecomunicacións de última xeración que o operador está a despregar en toda a comunidade autónoma.

R prevé levar os servizos integrados de teléfono, internet de alta velocidade, televisión dixital e móbilR a preto de 7.500 fogares e locais empresariais de Foz. Cun investimento aproximado de 5,17 millóns de euros, R xa completou unha primeira fase das tarefas de despregamento de rede no núcleo urbano; arestora estanse a acometer as obras na rúa Eduardo Pondal e de contado realizaranse os traballos na rúa Pascual Veiga coa idea de rematar todas as tarefas de obra civil no mes de novembro, tras o parón do verán. Teranse despregado, entón, preto de 24 quilómetros de fibra óptica e uns 11 quilómetros de canalización. Ademais, instalarase unha cabina telefónica de R na rúa Vila de Sarria, 31, para abrir por vez primeira en Foz o servizo da telefonía pública á libre competencia.

Modernización coa fibra óptica

A posta en marcha do proxecto de R en Foz apoiouse na plena disposición e colaboración do concello desta localidade lucense que, dende o inicio, manifestou o seu interese por situar a súa poboación ao máis alto nivel en canto á dotación das infraestruturas tecnolóxicas, así como por facilitarlles aos seus cidadáns o acceso a todos os servizos da Sociedade da Información.

R, pola súa banda, está a facer un esforzo por materializar o seu compromiso con Galicia e estender ao máximo número posible de cidadáns a infraestrutura de telecomunicacións máis avanzada a nivel mundial.

Máis velocidade e móbil R

Grazas á nova e potente rede de fibra óptica que R está construíndo, rúa a rúa, os habitantes de Foz disporán de chamadas gratis a todos os fixos estatais e de internet de alta velocidade constante por fibra óptica, que ten duplicado para todos os clientes dende o ano pasado (ata 12 megas). Ademais, o servizo de televisión dixital interactiva de R ofrece calidade de imaxe e son dixitais por fibra óptica, máis de 80 canles, guía e miniguía electrónicas de programación e múltiples posibilidades de interactividade. E tan só a pouco máis dun ano do lanzamento de móbilR, integrado na oferta de telecomunicacións do operador galego, R xa conta con máis de 40.000 liñas de móbil e é pioneiro no mercado ao comezar a ofrecer chamadas gratis a móbiles de calquera operador dende o teléfono fixo para todos os seus clientes de televisión dixital e gratis a móbiles R para todos os seus clientes.

R na provincia de Lugo

Ademais de Foz, R conectou á súa rede de fibra óptica en 2008 aos concellos de Vilalba e Mondoñedo, que se incorporaron tamén, desta maneira, ao grupo de localidades que xa recibían os servizos de telecomuncacións do operador galego, como Lugo, Monforte, Sarria ou Chantada.

Ademais, R ten previsto tamén que se conecten á súa rede as poboacións de Ribadeo, Burela (a finais deste mes), Viveiro, Xove, Cervo e Barreiros ao longo deste ano para o que vai investir uns 20 millóns de euros de xeito que uns 23.000 fogares e negocios empresariais máis da provincia teñan acceso  a su red de fibra óptica.

Exit mobile version