Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela explica que Expomar presentouse en Lugo por decisión do comité da feira

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, asegura que “o único que está a ningunear a esta importante feira que temos dentro duns días é o sr.Barcia e non o presidente da Deputación de Lugo”. Llano lembra que “Lugo foi a cidade elixida para presentar de xeito oficial Expomar por decisión unánime do comité executivo da feira. Outro ano presentouse en Santiago e en edicións posteriores non está descartado presentar en Expomar, en Vigo, na Coruña, en Pontevedra ou en Ferrol. Eso xa se irá vendo”.

O rexedor burelés subliña que “baixo ningún concepto desde a Deputación se tentou minguar a importancia de Expomar”. Llano tamén alude ao financiamento do evento e subliña que “as cantidades aportadas polos expositores son as realmente importantes, aínda que tamén temos unha achega económica da Consellería de Pesca que estaba xa concedida antes da celebración das eleccións do pasado 1 de marzo. O que intentamos desde o Concello e desde a Fundación Expomar é facer as cousas o mellor posible para que a feira sexa un éxito”.

O rexedor pide que “non se monten polémicas onde non debería habelas. Creo que todos debemos traballar xuntos para que Expomar funcione como o veu facendo ata o de agora”.

Expomar vaise presentar nun acto que se desenvolverá o vindeiro venres 15 de maio ás 12:30 horas no Concello e Alfredo Llano convida “a todos os que o desexen a participar neste acto”.

Exit mobile version