Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela demanda a Sanidade un pediatra a tempo completo para o centro de saúde

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, enviou hoxe sendos escritos á Consellería de Sanidade e á Xerencia de Atención Primaria de Lugo para pedir un pediatra a tempo completo para o centro de saúde de Burela. O rexedor considera que “esta solicitude está moi demandada polas familias que agora teñen que desprazarse a San Cibrao para contar con este servizo”.

Llano lembra que “nós tiñamos unha pediatra que consultaba dúas horas diarias, porque é unha pediatra de zona non integrada e resulta que leva de baixa desde decembro, e hai hai outra pediatra que se despraza a Burela dúas horas á semana unicamente, pero pasar as revisións dos nenos sans, para facer pesaxes, medicións, etc… xa que para consulta por enfermidade seguen acudindo a San Cibrao”.

O rexedor sinala que “dado que en Burela temos en idade pediátrica a 1.229 persoas de 0 a 14 anos, consideramos que esta petición se xustifica por sí soa para que teñamos un pediatra a tempo completo de 8 a 15 horas como é normal e tamén queremos seguir contando con esta pediatra que xa temos na actualidade. Consideramos que é unha petición de xustiza e que esto está avalado por moitas familias que queren contar cun servizo sanitario público que noutros concellos menores funciona perfectamente”.

Alfredo Llano recoñece que “isto xa debera estar funcionando en Burela, pero agora mesmo está xustificado pola demanda que hai e pola poboación que vai seguir medrando. Espero que nos fagan caso rapidamente, pero senón é así teremos que volver a insistir para que esta praza sexa cuberta o antes posible”.

Exit mobile version