Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros apoia a manifestación do 17 de maio e presentou unha moción en defensa do galego

BARREIROS (FNC).- O BNG de Barreiros manifestou o seu total apoio á mobilización convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística para este domingo, 17 de maio, en defensa da lingua galega. Deste xeito, chamou á sociedade galega a participar masivamente na manifestación do domingo en Compostela para defender a lingua galega fronte á política contra o galego que está a pór en marcha o novo goberno do Partido Popular, “unha estratexia que obedece á dereita máis reaccionaria e centralista de Madrid e ás súas organizacións satélites en Galiza”.

Desde o BNG de Barreiros animouse aos barreirenses “a manifestarse este domingo contra a derogación do Decreto 124/2007 que pretende o novo goberno do PP, nun claro intento de involución dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega, desmantelando puntos básicos da oficialidade do galego como o amparo xurídico en aspectos fundamentais como o ensino”.

Os nacionalistas apuntan que “é unha realidade que o idioma galego non se está a impor na sociedade. Pola contra, está en situación de inferioridade xurídica e social fronte ao español. As mentiras do PP e das súas organizacións non teñen nada que ver coa realidade, queren invertir o papel de opresor e oprimido. É a lingua galega a que está submetida ao español, a que sofre un patente proceso de substitución lingüística e a que segue estando marxinada nos medios de comunicación, na xustiza, no cine, na nosa vida diaria”.

No BNG de Barreiros sinalan que “as dificultades para vivir en galego son constantes, e agora o PP quere impedir que as xeracións futuras poidan medrar en galego. Por esta razón, o BNG de Barreiros reitérase no apoio á manifestación na defensa do galego deste domingo chamando á sociedade a saír á rúa para defender o idioma galego que se atopa en clara situación de desvantaxe, reclamando que se garanta o seu uso en sectores claves para a normalización dunha lingua como son o educativo, os servizos públicos, a xustiza ou os medios de comunicación”.

A debate no pleno

O BNG de Barreiros presentou tamén esta semana no Concello unha moción en defensa do idioma galego na que se lle pide á Corporación barreirense que “manteña e defenda os acordos unánimes adoptados polo Parlamento Galego para instrumentar as medidas de normalización do galego nos diversos ámbitos sociais. Así mesmo os nacionalistas barreirenses piden o apoio para o Manifesto pola convivencia lingüística e a iguladade de dereitos para o galego”.

O Bloque denuncia tamén que “o Concello de Barreiros non cumple a lei de normalización lingüística en moitas das súas relacións e comunicacións coa cidadanía, especialmente na escrita. Diversos documentos como por exemplo os orzamentos están publicados en castelán. Unha situación que resulta curiosa xa que o Concello ten contratada a unha persoa encargada da normalización lingüística”.

Exit mobile version