Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG leva a Deputación o debate sobre parques eólicos mariños e o apoio aos traballadores de Pascual

Nota de Prensa

O BNG LEVA AO PLENO DA DEPUTACIÓN O DEBATE SOBRE A INSTALACIÓN DE PARQUES EÓLICOS MARIÑOS E O APOIO AOS TRABALLADORES DE PASCUAL

“A postura que mantivo o BNG, dende sempre, a favor dos sectores produtivos reflexa o espíruto destas mocións” sinalou o voceiro nacionalista

O voceiro do grupo provincial do BNG, Antonio Veiga, informou sobre as mocións que BNG presentará no vindeiro pleno provincial do vindeiro martes
O voceiro do grupo provincial do BNG, Antonio Veiga, presentou hoxe en rolda de prensa o contido das mocións que o BNG levará ao pleno da Deputación de Lugo o vindeiro martes 26 de maio. Veiga sinalou que as mocións están directamente relacionadas con dous sectores estratéxicos do país e coa economía produtiva da provincia de Lugo.  Veiga resaltou que “o BNG leva instalado, dende os seus comenzos, na defensa dos sectores económicos produtivos do país” o voceiro nacionalista fixo esta reflexión en referencia a “todos os que agora descobren que hai que abandonar as economías e especulativas e potenciar as produtivas”. Ámbalas dúas mocións irán dirixidas a defender dous sectores estratéxicos como son a produción gandeira e o sector pesqueiro.

O BNG presentará unha moción en contra do peche da planta que a empresa Leite Pascual posue no concello de Outeiro de Rei, a outra moción centrarase en pedir que as institucións poñan os medios necesarios para evitar a instalacion de parques eólicos mariñas na franxa litoral da provincia de Lugo. Veiga insistiu en que estas dúas propostas do BNG están claramente dirixidas a defender dous sectores produtivos estratéxicos para a nosa provincia como son o gandeiro e o pesqueiro.

Veiga sinalou que o BNG agarda que os tres grupos políticos representados na Deputación de Lugo cheguen a un acordo para a aprobación de estas dúas mocións xa que é unha responsabilidade de toda a sociedade e dos seus representantes nas institucións, nestes tempos de crise, defender aos nosos sectores produtivos. Neste mesmo senso Veiga tamén anunciou que agarda que todo o pleno da Deputación se pronuncie a favor da defensa da nosa lingüa “tras o pronunciamento do pobo o pasado día 17 en Santiago de Compostela debemos acadar un consenso neste tema igual que o acadamos para defender outras cuestións transcedentais para Galiza”.
—————
Antonio Veiga Outeiro, Portavoz do Bloque Nacionalista Galego na Deputación Provincial de Lugo, ao abeiro da Lexislación vixente, presenta a seguinte:
MOCIÓN RELATIVA AO PECHE DA FÁBRICA DE PASCUAL EN OUTEIRO DE REI

 
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 A empresa Leche Pascual acaba de presentar un expediente de regulación de emprego que suporía o despedimento de 155 traballadores e traballadoras e o peche da actividade que viña desenvolvendo desde hai máis de 15 anos na factoría situada no Concello de Outeiro de Rei.

 Esta medida non só afecta aos 155 traballadores directos máis todos os postos de traballo inducidos derivados dos servizos que demanda a citada empresa, senón tamén aos produtores que neste momento entregan o leite a esta empresa.

 Para o BNG resulta moi preocupante que unha empresa que leva varios anos operando en Galiza, recibindo todo tipo de axudas e apoio institucional para desenvolver a súa actividade e aproveitándose, ademais, da calidade e prestixio do leite producido en Galiza para potenciar a súa marca, adopte unha decisión que leva a pechar o seu único centro de recollida e transformación en Galiza, mentres aumentan e potencian a súa fábrica en Cataluña.

 Dende o punto de vista do Bloque Nacionalista Galego o E.R.E presentado non está xustificado nin se axusta aos supostos e condicións que fixa a lexislación laboral nos artigos 51, 52 e 53 do Estatuto dos Traballadores.

 Diante deste atentado inxustificado aos dereitos dos 155 traballadores directos e aos intereses dos produtores e provedores que traballan coa fábrica do Grupo Pascual en Outeiro de Rei, é preciso que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, a Xunta de Galiza e os Concellos da Comarca adopten todas as medidas ao seu alcance para frear o peche da fábrica de Pascual en Outeiro de Rei e lograr manter e consolidar a súa actividade económica nunha comarca cunha importante vocación e produción leiteira.

É pois que o peche da factoría de Pascual en Outeiro de Rei tería un impacto moi negativo nunha ampla área de influenza que inclúe ao Concello de Lugo, polo que o Bloque Nacionalista Galego somete á consideración do Pleno o seguinte 

 ACORDO:

1. Que a Corporación desta Deputación traslade á dirección do Grupo Pascual a súa total oposición ao peche da fábrica que ten en Outeiro de Rei.

2. Dirixirse ao ministro de Traballo, á ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e ao presidente da Xunta de Galiza para demandarlles unha actuación urxente e coordinada que evite o peche da citada fábrica e manteña os postos de traballo e a actividade económica que ven desenvolvendo na zona durante os últimos 17 anos.

3. Demandar das mesmas Administracións que vixíen o estrito cumprimento da lexislación laboral no relativo ao ERE presentado non permitindo un despedimento colectivo fraudulento.
————————–
Antonio Veiga Outeiro, Portavoz do Bloque Nacionalista Galego na Deputación Provincial de Lugo, ao abeiro da Lexislación vixente, presenta a seguinte:
MOCIÓN RELATIVA Á ADOPCIÓN DE MEDIDAS PARA EVITAR A INSTALACIÓN DE PARQUES EÓLICOS MARIÑOS NO LITORAL GALEGO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O Goberno español, a través dos ministerios de Industria e o de Medio Ambiente e Mariño, vén de aprobar o denominado “Estudo Estratéxico Ambiental” do litoral, co obxecto de acotar e definir as zonas aptas para a instalación de parques eólicos mariños. Así, este “Mapa Eólico Mariño” ponse en marcha a medio dunha resolución conxunta das secretaría xerais de Mar e de Enerxía datada o 16 de abril de 2009.

Segundo este estudo, zonas do noso litoral, como os cantís de Oia até a Guarda, ou a costa oriental da comarca d´A Mariña, resultan “aptas” para a instalación de parques eólicos mariños. Tamén unha parte moi importante do noso litoral (incluíndo augas interiores, de competencia galega) recibe o tratamento de “zonas aptas con condicionantes”. Neste último suposto temos unha área moi importante na Costa da Morte e a maior parte das augas exteriores.

En definitiva, as zonas escollidas polo Goberno español coinciden con importantes bancos pesqueiros, marisqueiros e percebeiros. O impacto produtivo e ambiental sería brutal, inasumíbel. Tamén no tocante á navegación marítima e á súa seguranza.

A Consellaría de Innovación e Industria do anterior Goberno galego tiña manifestado formalmente a súa posición, contraria á instalación de parques eólicos mariños no litoral galego. Con todo, persiste aínda esta ameaza, mesmo con propostas concretas de instalación de torres de medición de vento, admitidas a trámite polo Goberno español, como paso previo ao desenvolvemento dos proxectos de parques eólicos mariños, por exemplo na Costa d´A Mariña de Lugo.
Estas son as razóns polas que o Bloque Nacionalista Galego somete á consideración do Pleno o seguinte
ACORDO:
 1.- Amosar diante do goberno central a súa posición contraria á instalación de parques eólicos mariños no litoral de Galiza, fundamentando esta posición no impacto que estes proxectos tería sobre o sector pesqueiro e marisqueiro galego, e tendo en conta as previsións de elaboración dun plano e ordenación en usos do litoral galego.
 
 2.- Manter e emprender todas as accións precisas de carácter político e administrativo, en defensa das competencias exclusivas de Galiza, para deixar sen efecto o Estudo Estratéxico Ambiental para a instalación de parques eólicos mariños, e que o remita con posterioridade ao Goberno Galego.
 
 3.- Instar ao Goberno Galego a que elabore, no prazo de tres meses, un informe sobre o estudo estratéxico ambiental para a instalación de parques eólicos mariños, e que o remita con posterioridade ao goberno central.

Exit mobile version