Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello entregou 800 exemplares do libro Ría de Ribadeo

RIBADEO (FNC) .-. O Concello de Ribadeo fixo entrega duns 800 exemplares do libro A ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas que escribiu José Mª Fernández Díaz-Formenti. No acto celebrado esta mañá no Concello o rexedor sinalou que o autor desta publicación de 264 páxinas sobre a ría de Ribadeo “é unha persoa naturalista cunha experiencia moi ampla neste tipo de publicacións. Esta foi levada adiante entre o Leader que formamos Castropol e Ribadeo co outro Ceder Oscos-Eo”. Fernando Suárez explicou que “a iniciativa xurdiu hai dous anos e agora viu a luz cunha edición magnífica, cunha fotografía e uns textos envidiables que queremos que a poboación, singularmente os alumnos do noso concello poidan ter a posibilidade de participar disto. Imos agasallar cun exemplar aos alumnos de ESO”.

Suárez Barcia sinalou que “este libro intenta explicar a ría de Ribadeo, a importancia deste esteiro desde o punto de vista ornitolóxico que motivou a súa inscrición como zona de especial protección de aves, tamén está recoñecida como lugar de interese comunitario, está tamén incluída na rede europea de espazos protexidos, o que se chama rede natura 2000, e xa desde decembro de 2007 a UNESCO decidiu incluír a ría de Ribadeo xunto con outros territorios como reserva da biosfera”.

O alcalde ribadense asegurou que “o que persigue este libro é achegar o lector á natureza asociada a este imporante esteiro para facilitar a súa comprensión como ecosistema en si e a identificación das diferentes especies que o habitan, tanto desde o punto de vista da xeoloxía, da influencia das mareas, dos ambientes que se crean… E tamén forman parte do libro unha serie de fichas descritivas da flora e da fauna máis notables do lugar”. Fernando Suárez pensa que “é unha publicación que vai máis alá e que permite gozar mediante o coñecemento da nosa ría, desta ría de todos, moitas veces descoñecida. Creo que as administracións públicas a través deste traballo ou desta idea que está cobrando forma de poder recuperar a ruta do tren mineiro que permita comunicar Ribadeo con A Pontenova, recuperando unha ruta esquecida desde hai moitos anos pero unha vez que se poña en valor será unha atalaia, será un lugar magnífico para divisar a nosa ría que moitas veces para a nosa xente de aquí é unha grande descoñecida”.

O rexedor cre que “elementos como estas obras que se empezarán a facer e estas publicacións de corte medio ambiental para dar a coñecer a ría é polo que hoxe convocamos aos directores dos centros para facerlles entrega de 800 libros para que fagan bo uso, boa difusión científica, medio ambiental e educativa do noso entorno natural”.

Exit mobile version