Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación do disco do Gaiteiro de Fórnea, Antonio de Marcos, en Trabada

TRABADA .- O deputado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, acompañou hoxe a Antonio “de Marcos”, gaiteiro de Fórnea, no que foi a presentación do seu primeiro disco, Lembrando pezas do salón. Este disco, que se presentou de xeito oficial esta noite na Casa da Cultura de Trabada, constitúe o primeiro disco de Antonio Fernández, “Antonio de Marcos”, gaiteiro de Trabada. A idea de gravar este disco xurdiu da Asociación Cultural O Pasatempo, de Mondoñedo, e a edición e gravación estiveron subvencionado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que dirixe o nacionalista Antonio Veiga.

Antonio Veiga encomiou o traballo a prol da música tradicional galega que este “Antonio de Marcos” fixo durante a súa vida, non deixando nunca de actuar coa súa gaita. Ao mesmo tempo, o responsábel nacionalista incidiu na necesidade de que desde as administracións se apoie a recuperación deste tipo de iniciativas como aposta por manter unha tradición que pouco a pouco se vai perdendo, algo que a Área de Cultura da Deputación de Lugo sempre tivo claro.

Na presentación do seu primeiro disco, que leva por título Lembrando pezas do salón en alusión ao xeito de tocar no salón rural dos 50, onde o tradicional comezaba a deixarse escoitar entre valses e pasodobres, “Antonio de Marcos” estivo arroupado polos seus conveciños e conveciñas en Trabada, onde é dos poucos gaiteiros en activo que quedan. O disco resultou ser moi completo, cun total de 17 pezas entre as que hai muiñeiras, foliadas e tamén algún pasodobre.

Exit mobile version