Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentáronse as XVII Xornadas Pedagóxicas do museo provincial de Lugo

LUGO .- O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mañá as XVII Xornadas Pedagóxicas do Museo Provincial de Lugo, que levan por título “Os museos como aula: recursos, experiencias e propostas”. No acto de presentación que tivo lugar no Museo Provincial, no que Bao estivo acompañado pola directora do Museo, Aurelia Balseiro, e o coordinador das xornadas, Antonio Reigosa, o vicepresidente Antón Bao destacou a importancia de incidir no profesorado para que os mestres e mestras sexan quen de estabelecer estratexias didácticas coa fin de achegar ao alumnado e aos visitantes dos museos os recursos patrimoniais dos que se dispón. Todo isto, remarcou Antón Bao, “coa intención de lograr uns museos cada día máis abertos á sociedade, que é a filosofía fundamental que impregnou o traballo que se vén realizando desde o Museo Provincial, a Rede Museística da Deputación, e que se pretende potenciar desde a Área de Cultura da Deputación”.

Estas xornadas están organizadas polo Museo Provincial de Lugo, xunto cos outros museos da Rede Museística da Deputación, e o Centro de Formación e Recursos de Lugo (CFR), dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza. Están dirixidas ao profesorado en xeral e aos profesionais dos museos e desenvolveranse desde o martes 2 ao xoves 4 de xuño. Entre os relatores poderanse atopar profesionais con recoñecido traballo como Rufino Ferreras, responsábel de Desenvolvemento Educativo do Museo Thyssen Bornemisza ou Antonio Rial Sánchez, coordinador científico do Museo Pedagóxico Galego (MUPEGA).

Segundo o coordinador destas XVII Xornadas Pedagóxicas, Antonio Reigosa, o conxunto de actividades que se van desenvolver pretenden explorar e analizar as posibilidades didácticas dos recursos dos museos da Rede Museística da Deputación, dándolle a coñecer ao profesorado estratexias de uso para estes recursos a través do intercambio de experiencias entre os traballadores de museos e o propio profesorado.

Actividades polo Día Internacional dos Museos

Por outra banda, Aurelia Balseiro, a directora do Museo Provincial de Lugo, presentou as actividades que se van levar a cabo nos museos da Rede Museística Provincial co gallo do Día Internacional dos Museos. Estas actividades, que inclúen visitas gratuítas en autobús percorrendo os museos provinciais, espectáculos de contacontos, proxeccións de curtametraxes ou actuacións musicais, desenvolveranse os días 16, 17 e 18 de maio nos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo.

Exit mobile version