Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acollerá os días 16 e 17 de maio o IV Torneo Élide de Fútbol Veterano

RIBADEO (FNC) .- Ribadeo acollerá os días 16 e 17 de maio o IV Torneo Élide de Fútbol Veterano no que participan 21 equipos galegos e asturianos. Os partidos vanse disputar no estadio municipal Pepe Barrera de Ribadeo, no Campo do Outeiro na Devesa e no campo de fútbol Trenor de Barres (Asturias).

A primeira fase do torneo desenvolverase desde as 11 da mañá ata as 10 da noite e disputarase simultaneamente nos tres recintos dispostos para a competición. Ao final da xornada celebrarase a tradicional churrascada gratuíta para os participantes. A segunda fase, que se disputará integramente no estadio Pepe Barrera, comezará cos cuartos de final o domingo 17 de maio ás 12 da mañá, e despois serán as semifinais e a final que se disputará ás 7 da tarde, despois de xogaren dous equipos de mini-benxamíns da S.D.Ribadeo.

O peche desta cuarta edición do torneo terá lugar coa entrega de trofeos que se celebrará ás 8 da tarde.

Os equipos participantes de veteranos son (pola parte galega): Ribadeo F.C., S.D.Ribadeo, Cangas de Foz, S.D.Burela, Concello de Barreiros, C.D.Foz, U.D.Río Ouro, P.C.Box de Lugo, Monforte Veteranos e un conxunto da Garda Civil. E os asturianos son: Luarca C.F., Puerto de Vega C.F., Cudillero C.F., C.D.Llanes, Vegadeo C.F., Real Tapia, Colegio de Economistas de Asturias, Marino de Luanco e os conxuntos xixonenses do Colegio Inmaculada, Colegio Covadonga e o Colegio de Abogados.

Os equipos serán distribuidos en sete grupos de tres escuadras e pasarán a cuartos de final os campións de cada grupo e o mellor segundo. Os partidos terán unha durante de 45 minutos.

O Torneo Élide de Fútbol Veteranos está organizado pola Asociación Deportiva Veteranos do Ribadeo F.C, e conta coa colaboración do Ribadeo F.C., S.D.Ribadeo, Élide Deportes, Concellaría de Deportes de Ribadeo, Consellería de Cultura e Deporte da Xunta, Fundación Deporte Galego, Fundación Comarcal A Mariña Oriental e Deputación Provincial de Lugo.

Exit mobile version