Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación convoca os Concellos a unha xornada sobre protección de datos persoais

LUGO .-A Deputación convoca a todos os Concellos da provincia para iniciar os traballos dunha auditoría relativa ó nivel de cumprimento da lei en materia protección de datos de carácter persoal nas Entidades Lociais. O Deputado de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato, dixo que, “este estudo ten como principal obxectivo determinar os puntos fortes e débiles dos Concellos da provincia nesta materia, así como a elaboración dun informe final de recomendacións de mellora que, agardamos, poidan servir de axuda para xestionar axeitadamente o risco do tratamento de datos de carácter personal”.

Segundo avanzou Gato Soengas, haberá tres xuntanzas en distintos puntos da xeografía lucense para facilitar a participación dos destinatarios en función do seu lugar de orixe: o 2 de xullo, a xornada celebrarase no Salón de Sesións do Concello de Monforte ás 10 da mañá e no Salón de Actos da Deputación, ás 13:00 horas, mentres que o 3 de xullo este mesmo encontro será na Casa da Cultura de Foz ás 10:00 horas.

A estas xuntanzas están chamados especialmente os secretarios, os xestores de arquivos que incorporen datos de carácter persoal (padrón de habitantes, censo electoral, padróns fiscais, contabilidade, servizos sociais etc.) e os responsables da seguridade destes arquivos.

A diagnose será realizada por un equipo multidisciplinar da Universidade da Coruña, que estará formado por economistas, avogados e informáticos. Antonio Gato apuntou que “as recentes actuacións da Axencia Española de Protección de Datos en relación ás Corporacións Locais de Galicia, coas súas correspondentes sancións nalgúns casos, levaron á Deputación a encargar esta diagnose, e consideramos necesario que nos Concellos coñezan polo miúdo o obxectivo da mesma e os traballos a desenvolver. Ademais, recibiremos todo tipo de suxestións e propostas ó respecto”.

O responsable da área de Cooperación apuntou que “primeiro necesitamos coñecer cómo se leva a xestión destes datos en cada un dos Concellos para realizar unha diagnose e, posteriormente, establecer as medidas de cooperación que axuden a mellorar a xestión dos arquivos que alberguen datos de carácter persoal”.

Exit mobile version