Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inviste 1,1 millóns de euros en obras nos concellos de menos de 5000 habitantes

LUGO .- Os Concellos de menos de 5.000 habitantes contarán en 2009 con máis de 1,1 millóns de euros para a realización de pequenas infraestruturas grazas o Plan que a Deputación xa puxo en marcha por primeira en 2008 con grande éxito. O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato, destacou que “esta liña de cooperación permite ós municipios realizar pequenas obras que axudan a solventar problemas que son grandes para os municipios con poucos recursos. Máis do 50% destas obras, que son decididas polos propios Concellos, son de arranxo de camiños”.

A Xunta de Goberno aprobou este venres a concesión de subvencións do Plan de pequenas obras de infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes no que se inclúen obras que suman un total de 1.021.397 euros, dos que a Deputación achega 654.222 e os concellos 367.175 euros.

O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato, sinalou que “para este plan aprobárase un orzamento de 721.000 euros. Por tanto, hai un remanente de 66.777 euros para o que, xa polo trámite de urxencia, tamén se aprobaron hoxe as bases que rexerán no procedemento de concesión das correspondentes subvencións”.

39 Concellos benefícianse deste Plan. Son todos os que teñen menos de 5.000 habitantes agás os afectados polo canon hidroeléctrico, que reciben outros investimentos por parte da Deputación. ”Son as propias Entidades Locais as que decidiron que obras querían que se financiasen. A axuda máxima achegada pola Deputación é de 17.000 euros, mentres que os municipios teñen que aportar como mínimo o 30% do presuposto da obra”.

Os Concellos beneficiados son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Cervo, O Corgo, Folgoso do Courel, Friol, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pontenova, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, e Xove.

Un millón de euros para melloras na rede viaria

A Xunta de Goberno tamén aprobou a contratación de tres obras de mellora en vías provinciais que suman un investimento total de 1.050.000 euros. Un dos proxectos, que está financiado ó 100% pola Deputación, é a mellora e renovación do afirmado de 2 treitos da estrada Xove-Viveiro. Os dous suman 7,560 quilómetros e contan cun orzamento de 600.000 euros.

As outras dúas corresponden ó POS 2009: a primeira é o acondicionamento dun treito de 1 kilómetro na estrada de Coto de A, por Ansemar, a Castro Riberas de Lea, no Concello de Castro de Rei, cun presuposto de 80.000 euros e a segunda corresponde ó acondicionamento de 4,100 quilómetros da estrada de Ourol a Sixto, no Concello de Ourol. O investimento neste caso é de 370.000 euros.

Lug02

O goberno local tamén deu un novo paso na execución do proxecto Lug02 coa adxudicación provisional de 3 proxectos: a adquisición de produtos autóctonos das Reservas da Biosfera para a elaboración de 14.000 lotes que serán distribuídos de balde, principalmente entre os participantes en Km0 (175.863 euros); o deseño e edición de material didáctico- informativo de sensibilización medio ambiente (163.560 euros); e o contrato do servizo de actividades lúdico-educativas para nenos de convivencia coa natureza (49.996 euros).

Por último, aprobáronse 9 contas xustificativas do Plan de Cooperación con Comunidades dos anos 2006, 2007 e 2008. As obras suman un presuposto total de 86.896 euros dos que a Deputación achega 52.073.

Exit mobile version