Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación prestará apoio aos concellos para dinamizar o sector audiovisual

LUGO .- O Padroado da Fundación TIC de Lugo, reunido este venres, aprobou a conta anual do exercicio xuño-decembro 2008 no que se desenvolveron distintas accións dentro das dúas liñas básicas de traballo establecidas: a educación e formación e a produción e promoción.

O Presidente da Fundación e da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que “unha das liñas fundamentais de traballo fixadas no Plan de Actuación aprobado polo Padroado para este ano está prestar apoio, ofrecer asesoramento e xerar contidos que faciliten, ós Concellos e ás empresas do sector, afrontar os novos retos e servizos que a televisión dixital terrestre incorporará no ámbito da televisión de proximidade logo de que se produza o apagón analóxico previsto para o próximo 3 de abril de 2010”.

Neste sentido o padroado da fundación aprobou un novo organigrama de persoal e a modificación dos estatutos para adaptalos a novas propostas de traballo para os próximos anos e que se concretarán en diferentes actuacións.

A posta en marcha dun Equipo de Cooperación cos Concellos da provincia, facilitando o apoio técnico e loxístico preciso para xerar contidos audiovisuais e multimedia que lles permita a promoción e difusión das actuacións e proxectos que desenvolven, estando prevista a cooperación con aqueles municipios de menos de 20.000 habitantes que non teñen medios humanos e materiais para facer chegar as súas actividades a produtoras e medios de comunicación. Deste xeito “optimizamos recursos e facémolos útiles para a provincia”.

A consolidación da oficina de promoción de rodaxes Lugo Film Commission como un instrumento para favorecer o desenvolvemento local e a produción audiovisual, será outra das lineas de traballo a fortalecer nestes próximos anos. Os servizos que presta Lugo Film Commission deben facilitar a promoción económica potenciando, tanto a nivel nacional como internacional, o sector audiovisual colaborando coas productoras audiovisuais, técnicos e empresas de servizos de Lugo. Neste momento xa existen peticións de colaboración na fase de preproducción e rodaxe de produtoras que teñen como escenario de gravación a provincia de Lugo e coas que se está a colaborar.

O desesenvolvemento dun programa de colaboración e fomento do emprego xuvenil, que axude as produtoras locais, aos emprendedores, aos antigos alumnos da escola e autónomos que se dedican a este sector.

E por último a dixitalización do arquivo de vídeo da fundación que permitirá dispor dun arquivo de contidos que facilite procuras personalizadas e optimizadas, a explotación de recursos de imaxes dunha forma rápida e accesible tanto internamente como por terceiros, así como a súa posta a disposición dos concellos da provincia.

Fundación TIC

A Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) é unha entidade sen ánimo de lucro, promovida pola Deputación de Lugo, e sobre a que exerce o protectorado a Consellería de Educación.

Dentro das estratexias e liñas de actuación prioritarias están a xestión dun centro educativo, autorizado pola Consellería de Educación no ano 2003, para impartir ciclos formativos de formación profesional de grao superior de Producción de audiovisuais, radio e espectáculos e de Realización de audiovisuais e espectáculos que iniciou a súa andaina no curso 2003/2004; o fomento das accións vinculadas ó sector das TIC e á promoción de calquera actividade dirixida á promoción dos seus obxetivos que figuran nos estutos da Fundación; a colaboración coas administracións e entidades con responsabilidades e competencias no campo da educación e da formación; e fomentar a colaboración entre as empresas e entidades públicas para conseguir o desenvolvemento das TIC.

O órgano de goberno da Fundación é o Padroado, ó que corresponde cumprir cos fins fundacionais e administrar o seu patrimonio.

Na actualidade a Fundación centra a súa actividade na consolidación dun modelo formativo propio de referencia para o desenvolvemento da formación no ámbito do sector audiovisual, preparación de proxectos para a creación de programas formativos baseados na aplicación das novas tecnoloxías, colaboración con entidades e institucións da provincia facilitando o apoio técnico e loxístico preciso para xerar contidos audiovisuais ou multimedia, e na consolidación dun programa de bolsas de formación en empresas para facilitar a inserción laboral dos titulados.

Exit mobile version