Na súa intervención, Antonio Veiga resaltou a necesidade de “fomentar e impulsar a práctica do fútbol ou de calquera outra disciplina dende a base, contribuíndo á formación das futuras estrelas do deporte lucense dende moi novos”. Nesta liña, o delegado da Área de Deporte da Deputación salientou o “gran labor” realizado pola Asociación Foz Costa Nova en prol do fútbol base mariñao. Iniciativas coma esta facilitan a consolidación da práctica e do espírito deportivo na zona ao tempo que serven de elemento dinamizador da comarca, asegurou o nacionalista. Alén disto, Veiga comentou que a Deputación de Lugo, a través da área que el dirixe, seguirá apoiando este tipo de proxectos nos que se persegue “fomentar a práctica e o desenvolvemento do deporte de base en todas e cada unha das comarcas lucenses”.