Site icon Crónica3.com A Mariña

A Rede telemática de Ribadeo presenta “Xogos educativos en Internet” para o mes de xullo

RIBADEO .- A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Ribadeo, anuncia máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de xullo en Ribadeo. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:

* “Xogos educativos en Internet”: con esta actividade preténdese que nenos e nenas de 3 a 6 anos, ao finalizar este obradoiro, sexan capaces de empregar diferentes xogos educativos da Rede. Desenvolverase de luns a venres, do 15 ao 31 de xullo, de 11 a 12 horas. Poderán participar pequenos/as en tres turnos (obradoiros) diferentes: do 15 ó 17, do 20 ó 24 e do 27 ó 31.
* “Xogos educativos en Internet”: con esta actividade preténdese que nenos e nenas de 6 a 10 anos, ao finalizar este obradoiro, sexan capaces de empregar diferentes xogos educativos da Rede. Desenvolverase de luns a venres, do 15 ao 31 de xullo, de 12 a 13 horas. Poderán participar rapaces en tres turnos (obradoiros) diferentes: do 15 ó 17, do 20 ó 24 e do 27 ó 31.

Continuarase tamén cos obradoiros postos en marcha neste mes de xuño: “Procesador de textos: Writer”, ata o día 10 de xullo, e “Memoria dos Oficios” ata o vindeiro día 14, que será cando rematará.

Asemade, está prevista a realización da charla “Rede de Dinamización”. Esta, que terá lugar o día 31, ás 9:00 horas na aula de dinamización de Ribadeo, consistirá en dar a coñecer a Rede de Dinamización e os obradoiros, charlas, xornadas e visitas que se ofertan no Concello de Ribadeo para a poboación en xeral.

O prazo de inscrición para estas actividades será do 25 de xuño ao 14 de xullo.

A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar a cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da S. I. A RDSI conta con 51 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros de Dinamización, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Ribadeo, sito en Rúa/ Antonio Otero, 15, 2º andar, chamar ao teléfono 982.120.732 ou mandar un correo electrónico ao enderezo mariacarmen.ribadeo@sociedadedainformacion.eu.

Exit mobile version