Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente con xogos para os nenos

BURELA (FNC) .- O Concello de Burela preparou varias actividades para conmemorar o día mundial do Medio Ambiente que se van celebrar o xoves e o venres. Segundo explica a edil de Medio Ambiente, Lucía Bouza, “estas actividades foron preparadas e serán desenvolvidas pola Aula Medioambiental Gaia e, en realidade unha destas actividades vense desenvolvendo xa desde a pasada semana: o intercambio de xoguetes. Nesta actividade puideron participar todos os nenos e nenas do concello con idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos. É esta unha actividade coa que se trata de concienciar á infancia de que os obxectos que temos nas nosas casas e que xa non empregamos (neste caso trátase de xoguetes) poden ter aínda máis vidas que outra persoa lles pode dar. É dicir, trátase de que aprendamos a reutilizar as nosas cousas”.

A concelleira socialista engade que “neste caso concreto, cada neno ou nena entrega ata un máximo de tres xoguetes polos que obterá uns puntos que poderá utilizar para cambiar por outros xoguetes. Como dicíamos esta campaña desenvolveuse ao longo da semana pasada e mañá xoves día 4 de xuño, os participantes poderán intercambiar os vales que recibiron ao entregar os seus xoguetes por outros xoguetes nun acto que terá lugar na Praza do Concello entre as 17:00 e as 19:00 horas e que estará guiado polas dúas monitoras de Gaia”.

O venres 5 de xuño na Praza do Concello, entre as 16:30 e as 18:00, terá lugar o Xogo das Pegadas. Lucía Bouza sinala que “é un xogo para realizar ao aire libre no que os participantes camiñan por un taboleiro con varias casillas que deben percorrer respectando a unha serie de preguntas relacionadas co Medio Ambiente. O xogo desenvolverase en grupos de 5 nenos/as e todos os participantes serán agasallados cun libro. Ademais, ao remate da actividade haberá unha gran merenda para todos, patrocinada polos seguintes establecementos: Confitería Kiko, Panadería Trabada, Panadería Bahía, Panadería Abad, Carnicería Antonio, Carnicería O Campón, Carnicería Rufino, Supermercado Gadis, Supermercado Eroski, Supermercado Cemar, Supermercado Froiz e Supermercado Dayanpri”.

A edil de Medio Ambiente e as monitoras de Gaia destacaron o “noso agradecemento a todos estes establecementos que colaboran nunha campaña medioambiental cedendo os produtos para a merenda”.

Exit mobile version