Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela solicitará unha prórroga para presentar alegacións ao trazado da autovía Barreiros-San Cibrao

BURELA (FNC) .- Burela vai solicitar unha prórroga de tres meses para presentar con tempo as alegacións ó trazado da autovía Barreiros-San Cibrao. O alcalde asegurou que na xuntanza mantida nas últimas horas entre os portavoces municipais e as asociacións de montes e de veciños analizaron dito trazado e as repercusións que terá para Burela. Llano sinala que “todo o mundo está de acordo en que este vial debe pasar o máis ó sur do noso concello, porque tal e como está agora que vai paralelo á variante, corta a expansión de Burela e crearía moitos problemas de crecemento ó noso municipio”. O rexedor anuncia que “imos expoñer entre todos xuntos de forma consensuada e coherente como nos afecta este corredor e tamén a presentación de alegacións… e despois ó final enviaremos todo en conxunto a Fomento”.

Llano explica que “tamén acordamos pedir unha prórroga de tres meses porque consideramos que un solo mes para presentar alegacións é insuficiente porque leva un tempo estudar o trazado e elaborar ditas alegacións. E tamén hai lograr que outros colectivos se vaian incorporando a esta postura que estamos a manter todos os grupos políticos. Volveremos reunirnos o vindeiro luns ás 20:00 horas e tentaremos ter unha xuntanza o antes posible cos representantes de Fomento para tratar de darlles o noso parecer sobre este trazado”.

O alcalde entende que “todos estamos no mesmo barco, consideramos que Burela ten un grande problema porque este corredor rompe a nosa estrutura e a nosa economía e tentaremos que pase o máis lonxe posible da nosa vila”.

Exit mobile version