Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo programa Noites Alternativas cunha ampla oferta de actividades para a xuventude

CERVO .- A mocidade cervense está a piques de sucumbir aos atractivos dunha oferta de ocio alternativo e deporte nunca antes desenvolvida no noso termo municipal. O Concello de Cervo porá en marcha o programa NOITES ALTERNATIVAS que se desenvolverá a partires da segunda semana de xullo –coincidindo coas festas patronais- e que ofrece un amplo abano de actividades entre as que está o Fútbol Sala 3×3, Baloncesto 3×3, Voleipraia, Fútbolpraia, moitos xogos e concursos

O Alcalde, Alfonso Villares, presentou en rolda de prensa as NOITES ALTERNATIVAS acompañado da concelleira de Deportes e Saúde, Yolanda Pedreira e dos coordinadores das actividades. “Non se trata única e exclusivamente da apertura de locais e instalacións fóra do horario habitual, polas noites, senón dun completo programa de actividades variadas, relacionadas co deporte, como proposta alternativa ao tradicional botellón e a través da que se pretender reducir prácticas perniciosas como o alto índice de consumo de alcol nas madrugadas estivais”

A PARTIR DE DEZ ANOS, OS MARTES, MÉRCORES E XOVES

O contido exacto do programa, que pode consultarse tanto na páxina web municipal como nos folletos que hai a disposición dos interesados nas dependencias municipais e, nomeadamente na Casa da Cultura de San Cibrao, establecen que nas distintas actividades poden participar rapaces con idades superiores aos 10 anos e sen idade límite, pois a organización prevé distintos enfrontamentos segundo a categoría dos inscritos.

As NOITES ALTERNATIVAS desenvolveranse nun horario de 22.00 a 01.30 horas os martes, mércores e xoves. As localidades de Cervo e San Cibrao serán as sedes dos partidos de Fútbol sala e Baloncesto e, no caso das actividades deportivas na praia desenvolveranse no areal de O Torno, en San Ciprián. Todas estas actividades son gratuítas polo que non terán que asumir ningún custe os participantes. Ademais o mecanismo de inscrición é moi flexible pois, pode facerse tanto na Casa da Cultura (982 59 51 57) como ao comezo de cada actividade no lugar onde se desenvolva.

A primeira das citas do calendario son os partidos de Fútbol praia, sub 12/15/17, senior os días 13, 14 e 15 de xullo (única data que da inicio o luns para non coincidir co día 16, Festa do Carme). Tamén haberá Volei Praia Sub 12/15/17, Senior, os días 21, 22 e 23 de xullo. Despois en San Cibrao os días 28, 29 e 30 de xullo será a quenda do Fútbol Sala Senior, e de seguido o do Baloncesto 3×3 Sub 12/15/17 que terá lugar os días 4,5 e 6 de agosto. O fútbol Sala 3×3 Sub 12/15/17 será o 11, 12 e 13 de agosto en Cervo e o baloncesto na capital municipal desenvolverase o 18, 19 e 20 de agosto.

MONITORES ESPECIALIZADOS

De lograr o interese da mocidade e este obxectivo, encargarase unha empresa especializada IG 10 SPORTS S.L., actual concesionaria das Escolas Deportivas Municipais que garanten a asistencia de monitores altamente cualificados para organizar e controlar o desenvolvemento das actividades. “As nais e pais dos participantes teñen a garantía de que os seus rapaces están en boas mans, practicando deporte nas noites de verán, e adquirindo polo tanto hábitos moi saudables”

Os plans do Concello pasan por ampliar as actividades a ofertar, dependendo da resposta que obteñan deste sector da poboación e do éxito de cada unha das actividades en particular, así como das esperadas suxestións de novas iniciativas segundo as demandas dos propios mozos. Todo iso, unha vez superada a experiencia piloto que comeza nesta época de vacacións escolares do verán

TORNEOS DE VERÁN

A concellaría de Deportes tamén prepara o tradicional Torneo de Fútbol 7 que, neste caso cambia de emprazamento ao trasladarse ata o Campo Municipal de A Veiga. Será os días 10, 11 e 12 de xullo. As instalacións deportivas de Rio Cobo albergarán un torneo de Tenis os días 28, 29, 30, 31 de xullo e 1 de agosto.

Exit mobile version