Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolle un seminario de Jazz e un curso universitario de verán

BURELA (FNC) .- O Concello de Burela acolleu a presentación do curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela que se desenvolverá na vila do 13 ó 17 de xullo e que leva por título Inmigración e Desenvolvemento local: as claves educativas e sociais. O alcalde, Alfredo Llano, sinalou que “os obxectivos desta importante cita para Burela pasan por estudar as claves que definen a importancia dos fluxos migratorios no actual panorama de globalización; analizar as repercusións da inmigración no eido local; revisar criticamente a relación entre inmigración e cidadanía; avaliar algúns enfoques ou orientacións vencelladas a pautas de integración das persoas e dos colectivos inmigrantes no ámbito local e trazar as oportunas implicacións socio-educativas da inmigración na vida local de Galicia”.

O curso está dirixido a estudantes universitarios, mestres e profesores en xeral, orientadores escolares, técnicos de educación, de cultura e dos servizos sociais de Concellos, organizacións cívicas, etc… Llano salientou que “é importante resaltar que este curso conta co recoñecemento como actividade homologada de formación permanente do profesorado non universitario por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que tamén recoñece 2 créditos de libre configuración para os estudantes da USC”.

O rexedor sinalou que “un dos piares básicos deste Concello é a preocupación pola educación e pola formación como base do benestar xeral das persoas, motivo polo cal, o Concello de Burela seguirá apostando polas actividades formativas”.

Pola súa banda, a concelleira de Formación e Emprego, Sonia Fraga, destacou “a importancia que na actualidade tén a formación das persoas e por este motivo decidiu apoiar a realización deste curso en Burela”. Fraga subliñou tamén que “este curso pode ser moi interesante para aquelas persoas que estean preparando oposicións ou calquera tipo de promoción xa que está recoñecido como actividade homologada de formación”.

A edil de Educación, Lucía Bouza, resaltou que “este curso trae a Burela personalidades de grande recoñecemento no campo da investigación antropolóxica, nunha semana a que vai do 13 ao 17 de xullo que será de grande importancia no eido educativo, posto que este curso completarase co II Seminario de Jazz e Música Moderna do Concello de Burela, que será presentado os próximos días e que contará tamén con profesionais da música máis recoñecidos na nosa comunidade”.

Exit mobile version