Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez lamenta que a Xunta recorte as partidas para persoal temporal nos concellos

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, quéixase do recorte que sufriron as axudas que a Xunta lles concede aos concellos a través dos plans de cooperación local para a contratación temporal de persoal. Ribadeo pediu partidas para contratar a 31 persoas e recibe para 22, que son 10 socorristas e 12 membros para o grupo municipal de intervención rápida. O rexedor sinala que “a partir de aquí podería ser aproximadamente como noutras ocasións, aínda que en anos anteriores os gobernos da Xunta lle deron a Ribadeo máis persoal nestes programas de cooperación. Temos pedido brigadas de medio ambiente, técnicos de turismo, técnicos de apoio a intervención e a secretaría, dinamizadores para o telecentro, apoio á biblioteca, condutores de vehículos municipais, técnicos de actividades deportivas, brigadas de limpeza de praias e de todo eso que pedimos non se nos deu nada”.

Fernando Suárez sinala que “isto igual se podería entender porque se puidera argumentar que a situación económica non é boa e que teñen que atender a moitos concellos e algún argumento máis dese tipo. O que máis que molestar nos preocupa é que no que ten que ver co GMIR reduciron o tempo de duración desta prestación de nove a seis meses e medio, que descontando as vacacións se quedan en escasamente seis meses de traballo real e efectivo”. O alcalde pensa que “esto é moi grave porque o GMIR ten un cometido fundamental no que ten que ver coa seguridade pública e cidadá, coa excarcelación en accidentes de tráfico… e penso que os responsables actuais da Xunta e en concreto da Consellería de Traballo non lle están a facer ningún favor a todos os concellos aos que lles están a reducir sistematicamente o tempo de duración dos grupos municipais de intervención rápida. Confío en que quizáis estean a tempo de rectificar, pero penso que coa seguridade non se xoga e desde logo que estas actuacións que comezan a vislumbrarse desde o novo goberno da Xunta non tranquilizan á xente”.

Exit mobile version