Site icon Crónica3.com A Mariña

Memoria de Oficios e obradoiros tecnolóxicos en Burela

BURELA .-. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Burela, anuncia máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar na primeira quincena do mes de xullo en Burela. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:
“Folla de Cálculo: Calc”: con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este o obradoiro, sexa capaz de levar as súas contas da casa, do traballo, da comunidade, etc. a través da aplicación de follas de cálculo OpenOffice Calc. Desenvolverase de luns a venres, do 1 ao 14 de xullo, de 10 a 11 horas.
“Iniciación á Informática: Linux”: pretende capacitar aos usuarios/as para que sexan o quen de manexar con certa soltura os principais elementos dun sistema operativo baseado en software libre. Realizarase de luns a venres, do 2 ao 15 de xullo, de 11 a 12 horas.
Asemade, está prevista a realización da iniciativa “Memoria dos Oficios” ao longo do mes de xullo. Esta iniciativa consistirá en que os participantes realicen unha videomontaxe, a través de fotografías, na que se plasme un oficio tradicional.
A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar a cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da S. I. A RDSI conta con 51 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros de Dinamización, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Burela, sito na Casa da Xuventude do concello ou mandar un correo electrónico ao seguinte enderezo:
roberto.burela@dinamiza.sociedadedainformacion.eu
Contacto:
Roberto Caneiro Manteiga
Dinamizador da Sociedade da Información
Para máis información sobre o proxecto pódese acudir ao portal web da Rede de Dinamización da Sociedade da Información: www.redededinamizacion.eu.

Exit mobile version