Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA pide máis reservas mariñas e menos agresións ao litoral no Día Mundial dos Océanos

SANTIAGO .- No Día Mundial dos Océanos que se celebra o luns, día 8, ADEGA pide máis reservas mariñas e menos agresións ao litoral no Día Mundial dos Océanos. Este ano, a ONU chama a atención sobre as conexións entre océano, clima e futuro do planeta. Até o de agora, os mares funcionaron como amortecedores dos impactos, moderadores do clima e despensa da humanidade. Mais co quecemento global, este papel está a mudar, facendo preciso medidas urxentes. E coma noutras ocasións, as administracións pensan en medidas curtopracistas ou pior, persisten nos erros. Galiza, cun dos mares máis fecundos do planeta, segue á cola en protección dos esosistemas mariños. En calquera outro lugar, as nosas rías serían Reservas da Biosfera dende hai anos e as macropiscifatorías, recheos, portos deportivos e outras infraestruturas como o viaduto de Noia, proxectos delirantes calquera partido rexeitaría.

COMUNICADO.
Nesta data, ADEGA quere lanzar unha mensaxe de alarma pero tamén de responsabilidade á sociedade sobre o estado do noso mar. De alarma porque os ecosistemas mariños están seriamente amezados pola irresponsabilidade e a cobiza de quenes só ven neles unha fonte ilimitada de recursos para explotar ou unha cañeira na que deitar todo tipo de refugallos, sen reparar nas consecuencias.
O 75% das especies úteis ao ser humano están sobrexplotadas ou sendo explotadas ao límite da súa capacidade. A pesca artesanal, tradicionalmente sustentábel e respetuosa cos recursos do mar, esmorece, mentres se impoñen políticas pesqueiras orientadas á grande industria extractiva que especula co dereito á alimentación dos povos. E a estes, só se lles permite escoller entre o desmantelamento das estruturas pesqueiras tradicionais e a acuicultura produtivista que vira as costas ao mar para criar peixes en terra, nas macropiscifatorías do Plano Acuícola.
A perda de diversidade e produtividade dos ecosistemas mariños polas verteduras urbanas e industriais, a degradación do litoral polo urbanismo salvaxe, as práticas pesqueiras insustentábeis e o cambio climático, están colocando ao borde do colapso ecolóxico (e xa que logo económico) ás rías, fonte de recursos para unha grande parte da poboación galega.
O urbanismo secuestra cada vez máis territorio no litoral, soterrando con formigón non só o espazo físico da paisaxe costeira, senón tamén o espazo cultural que fai parte da nosa identidade como pobo. En moitos treitos da costa interrompeuse a comunicación natural terra-mar modificando a dinámica litoral, co consecuente gasto de diñeiro público en aportes de area e dragados.
As macropiscifatorías do Plano Acuícola pretenden ocupar os millores espazos da costa para fabricar peixes e deitar contaminación orgánica, química, antibióticos… directamente no corazón do noso mar máis limpo e bravo.
Esiximos da administración a ampliación das áreas mariñas protexidas, que servirán como refuxio e sementeira da biodiversidade mariña para manter unha actividade extractiva sustentábel e garantir o futuro das comunidades que viven do mar. O tesouro das nosas rías deberá tamén preservarse propoñéndoas con urxencia como Reservas da Biosfera.
Reclamamos a elaboración urxente dun Plano Estratéxico contra a Contaminación Mariña con obxectivos concretos, temporalizados e debidamente orzamentados que vise a eliminación dos focos de contaminación puntual e difusa no litoral así como a minimización do risco por verteduras accidentais e mareas negras. Para isto é preciso garantir a responsabilidade ilimitada para as actividades industriais que causen danos ao medio mariño. Esiximos da administración que inste ao cumprimento inmediato da sentenza do Supremo que ordena a retirada dos depósitos do Ferrazo e que retire os recursos ás sentenzas do TSXG sobre REGANOSA.
Pedimos tamén coerencia á administración galega para estender a moratoria urbanística a outras planificacións sectoriais (piscifatorías, portos deportivos e outras infraestruturas) até a aprobación un Plano de Ordenación do Litoral redactado con criterios de sustentabilidade.
Hai aínda motivos para a esperanza. Os nosos mares aínda teñen capacidade de rexeneración e darlles unha oportunidade está nas nosas mans. O mar é a orixe da vida na terra e a súa continuidade, a nosa continuidade, depende en gran medida de que saibamos actuar responsabelmente e con respecto para con el, garantindo un aproveitamento sustentábel dos seus recursos.

Exit mobile version