Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo di que a Xunta colaborará cos concellos para superar a crise

CERVO .- O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, mantivo varios encontros en Santiago de Compostela con altos cargos e responsables da administración da nova Xunta de Galicia. A primeira das citas do rexedor municipal foi co director xeral de Patrimonio Cultural José Manuel Rey Pichel. Tamén reuníuse co director xeral de política financeira e tesouro, Eugenio García Lalinde.

COMPLEXO HISTÓRICO ARTÍSTICO DE SARGADELOS

Tras as xestións do rexedor cervense a Xunta de Galicia adquiriu o compromiso de axilizar a aprobación do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos. Unha actuación bloqueada durante os últimos catro anos de xestión da Xunta bipartita o que implicou que Cervo deixara de recibir un investimento de preto de cinco millóns de euros comprometido no seu día polo Vicepresidente do Executivo autonómico o nacionalista Anxo Quintana.

O Plan Especial de Protección do complexo histórico-artístico, espazo declarado como Ben de Interese Cultura (BIC) ten por obxecto regular a recuperación do contorno do complexo siderúrxico e cerámico fundado a finais do século XVIII. Entre as actuacións propostas están a creación dun Hotel da Natureza nos edificios recuperados neste espazo de amplo valor arqueolóxico.

XACEMENTO PUNTA ATALAIA

Alfonso Villares tamén quixo trasladar ao director xeral de Protección Cultural a preocupación do Concello de Cervo pola preservación do xacemento castrexo aparecido na península da Atalaia de San Ciprián. Jose Manuel Rey Pichel comprometeuse a estudar esta cuestión e valorar as actuacións a seguir unha vez se dispoñan de todos os informes técnicos que están a elaborar os arqueólogos que investigan os achadegos.

ERE NA CERÁMICA DE SARGADELOS

Mención especial merece o relativo á situación pola que están a pasar os traballadores da empresa Cerámica de Sargadelos, que na actualidade vense afectados nun expediente de regulación de emprego. Villares logrou o compromiso da área de Cultura da Xunta de Galicia para interesarse sobre esta problemática, tendo en conta que esta compañía representa máis ca unha simple entidade privada, forma parte do importante patrimonio cultural de Galicia, e sinal de identidade dos produtos galegos e desenvolve unha ampla labor artística e promoción da actividade cultural.

COOPERACIÓN DOS CONCELLOS EN TEMPOS DE CRISE

En relación coa xuntanza mantida co director xeral de política financeira e tesouro, Eugenio García Lalinde, o Alcalde de Cervo logrou que a Xunta de Galicia comprometérase a colaborar na xestión e axilización das liñas de axudas que na actualidade os distintos concellos teñen dispoñibles co obxecto de cooperar coas administracións locais para superar a actual situación de crise e mellorar o balance financeiro.

Exit mobile version