Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo pídelle á Deputación a ampliación da ponte da vía de FEVE, na estrada a Vilela

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, mandoulle un escrito ao presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, demandando a ampliación da ponte sobre a liña de Feve que hai na estrada Ribadeo-Vilela. O rexedor explicou que “no día de hoxe enviámoslle ao presidente da Deputación de Lugo, este organismo que é propietario da estrada Ribadeo-Vilela, un escrito acompañado dun informe exhaustivo que recomenda a ampliación de dita ponte. E singularmente querémoslle transmitir a nosa preocupación pola situación desta ponte que pasa sobre a liña de Feve na parroquia de Ove e que é porta obrigada de entrada de vehículos e de persoas, sobre todo das parroquias do interior”.

Suárez Barcia sinala que “segundo achegamos cun informe técnico moi ben elaborado dicimos que é necesario ampliar esta ponte dado que é moi estreita e se producen circunstancias moi perigosas cando se cruzan dous coches e un peatón tamén a está a atravesar. É moi angosta e moi estreita e cando se xuntan dous camións eso pode ser terrible, sobre todo si é de noite, si chove ou si fai mal tempo e xa teñen producido numerosos momentos críticos”.

O alcalde engade que “lle pedimos á Deputación Provincial de Lugo, como ten feito xa noutros lugares da provincia, que dote para este ano os recursos necesarios para costear unha ampliación da ponte. Tecnicamente non é nada complexo e economicamente non é tan elevado e se garantiría unha mellor fluidez no tráfico, mellor seguridade para os viandantes e o custe non sería demasiado elevado”.

Dimensións insuficientes

O informe presentado polo Concello recolle que “na ponte a distancia entre peitoriles é de 5,80 metros. A ambos lados existen, delimitados con pintura, uns pequenos pasos de peóns de 0,60 e 0,70 metros, respectivamente. Quere isto dicir que o paso para vehículos queda limitado a 4,50 metros. Estas dimensións resultan de xeito evidente insuficientes, tanto para os vehículos como para os peóns que teñen que controlar o tráfico en cada momento para decidirse a pasar, posto que si deciden ou lles coincide pasar no momento en que dous vehículos se cruzan, a súa integridade corre graves riscos”.

En dito informe ponse de manifesto que “esta estrada, hai uns anos, tiña pouco tráfico e escasa circulación de peóns pero na actualidade é un vial con circulación moi intensa, é paso obrigado para todos os veciños das parroquias de Ove, Covelas, Cedofeita, Remourelle, Piñeira, Vilaframail e A Devesa. Quere isto dicir que máis da metade dos habitantes das parroquias do concello teñen que utilizar necesariamente esta estrada. Pero ademais o núcleo urbano estendeuse cara esa zona”. O informe elaborado polo Concello tamén sinala que “xa houbo numerosos sinistros, ata o momento todos se limitaron a danos materiais, pero gustaríanos, dada a intensidade de peatóns que pasan pola ponte e o volume de tráfico que aumentou esaxeradamente, que algún día non teñamos que lamentar outros danos irreparables”.

Exit mobile version