Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG defenderá en Europa que se garantan os intereses de Galiza en política pesqueira

NOTA DE PRENSA
O BNG DEFENDERÁ EN EUROPA UNHA POLÍTICA PESQUEIRA QUE GARANTA OS INTERESES DE GALIZA

Cosme Pombo, candidato nacionalista ao Parlamento Europeo pola provincia de Lugo, asegurou que “o BNG concorre a estas eleccións para defender as potencialidades da nación galega tan manifestas como o sector pesqueiro” fronte a decisións que prexudicaron a pesca galega

Foz, 04 de xuño. O candidato do BNG ao Parlamento Europeo pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, afirmou no mitin celebrado esta tarde na sala Bahía, en Foz, que o Bloque Nacionalista Galego concorre a estas eleccións europeas como a única forza política que garantirá que as decisións importantes para Galiza, como as referidas á pesca, un sector defenestrado desde as institucións europeas e clave ao mesmo tempo para o desenvolvemento económico da costa galega, se tomen tendo en conta os intereses dos galegos e galegas. Xunto a Cosme Pombo, candidato do BNG ao Parlamento Europeo por Lugo, interviron no mitin Francisco Rodríguez, ex-portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, e Xoan Carlos Basanta, voceiro do BNG no Concello de Foz.

Cosme Pombo, candidato nacionalista pola provincia de Lugo ao Parlamento Europeo, fixo fincapé no novo escenario que se abre coa reforma da Política Pesqueira Común, no que “é decisivo contar coa presencia dunha voz galega en Europa para que non ser repita o que aconteceu coa política pesqueira que se aprobou fai 23 anos, o que trouxo para Galiza gravísimas consecuencias”, freando as súas posibilidades de desenvolvemento e xeración de riqueza, e que provocou que Galiza fose o territorio europeo que perdeu máis flota e postos de traballo no mar nese período. Na mesma liña, Cosme Pombo, diante da perspectiva da reforma da Política Pesqueira Común, asegurou que “o BNG reclamará o estabelecemento dun novo status institucional para Galiza na UE en materia pesqueira, recoñecendo formalmente o seu carácter como “Zona Altamente Dependente da Pesca”, posibilitando a súa presencia, con dereito de decisión e obxección, nas institucións comunitarias onde se adoptan decisións en materia pesqueira”. Para o candidato nacionalista “é imprescindíbel que sobre o que afecta a Galiza poidan decidir os galegos e galegas, algo que só garante un BNG con representación en Europa”.

Para o candidato do BNG ao Parlamento Europeo, outro dos obxectivos a defender a prol dos intereses de Galiza é que se faga un escrupuloso control das importacións, especialmente ante as prácticas de “dumping” e competencia desleal cos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos, co obxectivo de acadar a estabilidade de prezos e o recoñecemento da calidade do produto galego. Cosme Pombo insistiu en que cómpre unha presenza do BNG en Bruxelas para defender os intereses de Galiza. A Unión europea debe porse ao servizo de mellorar o entramado económico dos diversos territorios, non afanarse en destruir sectores produtivos básicos para as economías das nacións europeas nin adoptar unha política de “deixar facer”, de “liberalizar” a favor de grandes transnacionais e corporacións económicas.

Exit mobile version