Site icon Crónica3.com A Mariña

“O BNG sempre puxo atrancos á gardería”, asegura o PP de Burela

NOTA DE PRENSA DO GMPP DE BURELA

O GMPP ve a Cando “incoherente” coa escola infantil.
González Barcia mantén unha conversa en Santiago con López Abella.
Os populares lembran que o BNG sempre puxo atrancos á gardería de Burela.

O GMPP de Burela, a través do seu portavoz, José María González Barcia, considera que as declaracións de Nieves Cando sobre a escola infantil son cando menos desafortunadas, porque, segundo Barcia, “hai uns xeitos de gobernar, os do PP, e outros xeitos de gobernar, os do BNG, e os do BNG xa se vé que non atopan demasiada resposta dos cidadáns”. Ademais, Barcia afirma que non se pode pedir agora o que se negaba hai uns meses, cando o PP, xunto cos pais, denunciaba a situación da escola infantil.
González Barcia manifestou que hoxe mesmo tiña falado en Santiago con Susana López Abella, Secretaria Xeral de Familia e Benestar, quen lle reiterou que os arranxos se farían en tempo para non perxudicar ó alumnado e tentando interferir o menos posible no funcionamento do centro. Barcia aproveitou a conversa con López Abella para abordar outros asuntos de competencia da Secretaría Xeral de López Abella en Burela.
González Barcia considera que no caso da escola infantil Nieves Cando non está lexitimada nin para pedir nada, nin para criticar ó PP. Barcia lembra que a escola infantil foi xestión do PP, coa oposición do BNG para a súa financiación. E tamén lembra que a ampliación da gardería foi obra do PP, que tamén contou coa oposición do BNG para a súa financiación, neste caso co voto en contra persoal de Nieves Cando. E foi a xa desaparecida Vicepresidencia, do BNG,  a que puxo todas as pegas habidas e por haber para abrir a ampliación da escola infantil, e Nieves Cando calou a boca e non soubemos o que pensaba ó respecto. Os pais e nais ainda están agardando para coñecer a súa postura ante a negativa de Vicepresidencia a abrir a ampliación da gardería.
O portavoz popular considera que Nieves Cando debe ir acostumándose a manter unha postura de diálogo institucional, e non buscar a política da confrontación. Agora ben, con declaracións coma estas quen se retrata é precisamente ela pola súa incoherencia.

Exit mobile version