Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta en Ribadeo o ciclo de charlas-café “Falemos de…”

RIBADEO .- Este venres, ás oito e media da tarde, o Observatorio da Mariña pola Igualdade inaugura en Ribadeo o ciclo de charlas-café Falemos de …, unha actividade a través da que periodicamente se debaterán en diferentes vilas da comarca sobre temas relevantes para avanzar cara á igualdade de xénero. Deste xeito, o Observatorio quere afondar no seu obxectivo de dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social. Xa que logo, as charlas-café están abertas a toda a cidadanía, desde o convencemento de que o que resulta de interese para a metade da poboación que son as mulleres, é de interese para toda a sociedade.

Boa mostra deste obxectivo é o tema escollido para a primeira charla-café, no que Mª Carme García Negro, economista e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, e máis a socióloga Ana Touriño abordarán A REPERCUSIÓN DA CRISE ECONÓMICA E FINANCEIRA SOBRE AS MULLERES. Así pois, aplicarán un enfoque de xénero sobre un tema como a crise que, cando se usa en xeral e sen máis cualificativos, tende a concibirse desde unha perspectiva exclusivamente masculina, sen ter en conta como a crise está a afectar de forma moi diferente a mulleres e homes.

A actividade resulta innovadora de seu na nosa comarca, pero ademais presenta o aliciente de ter un formato ameno e participativo. Así, lonxe de ter formato de conferencia convencional, o ciclo de charlas-café FALEMOS DE… busca a interacción das relatoras cos homes e mulleres do público nun ambiente agradábel e acolledor, onde ao mesmo tempo que se escoitan as intervencións se poida tamén tomar unha consumición.

Exit mobile version