Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade valora positivamente a súa campaña “Dálle a volta”

A MARIÑA .- O Observatorio da Mariña pola Igualdade valora de xeito “moi positivo a campaña “Dálle a volta”, que desde principios do curso escolar chegou a todos os institutos da comarca co obxectivo de promover a reflexión e crítica das actitudes sexistas entre a mocidade”.

Nota de Prensa

O Observatorio da Mariña pola Igualdade está a traballar cos centros de secundaria da mariña na continuación e consolidación da campaña “Dálle a volta”, logo do éxito deste curso

Como parte das actividades, en outubro presentará un informe sobre as actitudes de xénero en secundaria na Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade fai un balance moi positivo da campaña “Dálle a volta”, que desde principios do curso escolar chegou a todos os institutos da comarca co obxectivo de promover a reflexión e crítica das actitudes sexistas entre a mocidade. Tanto o profesorado coma o alumnado amosáronse moi interesados e participativos na campaña, cualificando esta iniciativa como “rompedora, anovadora e necesaria” para a etapa da adolescencia, a máis vulnerable de todas. A responsable da iniciativa, Carolina García, dixo estar satisfeita polo traballo realizado porque conseguiu esperta-lo espírito crítico dos mozos e mozas acerca das imposicións sexistas que impiden que na sociedade de hoxe  homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades.

O material empregado durante a campaña consistíu en dípticos e adhesivos que a asociación elaborou para a ocasión e nos que destacaba o lema “Eu tamén son feminista”. Conseguiuse esgota-los 1.000 exemplares de adhesivos e 2.000 folletos durante as charlas e obradoiros que se impartían nos centros durante os recreos.

Novas propostas e enquisa sobre as actitudes de xénero.

O éxito e a repercusión de “Dálle a volta” ábrelle as portas ó Observatorio da Mariña pola Igualdade para seguir traballando na elaboración de novas propostas ós centros pensando xa no vindeiro curso escolar. Na actualidade estase a traballar no establecemento de liñas de colaboración para a realización  de obradoiros de coeducación, de violencia machista, e de calquera outra temática que contribúa ó entendemento da realidade dende unha perspectiva de xénero.

Tamén na actualidade o Observatorio está a realizar un estudo de investigación en base aos datos achegados e recollidos nunhas enquisas realizadas polo profesorado dos centros como  parte do programa “Dálle a volta”, co obxectivo de medir unha serie de variables relacionadas co sexismo nas aulas. Con eses datos elaborarase unha publicación con gráficos sobre “Actitudes de xénero en Secundaria na Mariña”, que previsiblemente se dará a coñecer no mes de outubro. Deste xeito, desde o Observatorio preténdese suplir a carencia que existe na nosa comarca sobre estudos deste tipo centrados no enfoque de xénero na realidade específica da Mariña.

Exit mobile version