Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclama no Parlamento ao goberno central máis medios para a vixilancia aduaneira de Ribadeo

NOTA PRENSA
Prospera a iniciativa impulsada por Jose Manuel Balseiro Orol deputado mariñán do Partido Popular de Galicia
O PARLAMENTO DE GALICIA RECLAMA AO GOBERNO CENTRAL O REFORZO DOS MEDIOS MATERIAIS E PERSOAIS DO SERVIZO DE VIXILANCIA ADUANEIRA EN RIBADEO

* Socialistas e nacionalistas recoñecen que hai problemas pero negaron o seu apoio á reclamación dos populares.

A Mariña, 04 de xuño de 2009.- O Parlamento de Galicia reclama ao Goberno socialista de Zapatero que proceda a desenvolver as xestións oportunas en orde a reforzar os medios materiais e persoais do servizo de Vixilancia Aduaneira e, nomeadamente nas instalacións que este servizo ten no porto de Ribadeo. De xeito especial, a Cámara autonómica reclama que se garanta a operatividade das embarcacións das que fai uso este servizo no desenvolvemento das funcións que ten atribuídas pola lexislación vixente, isto é, operacións e investigacións encamiñadas á represión dos delictos e infraccións tipificadas na Lei sobre o Contrabando.

A iniciativa xurde a proposta do deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol quen denunciou publicamente que amplas zonas do noso litoral permanecían sen vixilancia marítima contra o narcotráfico. Cada un destes datos –en opinión do parlamentario popular- poñen en evidencia a falta de interese e a desidia coa que está a traballar a administración central na nosa comunidade así como tamén a importancia de desenvolver as xestións oportunas para corrixir esta situación

Socialistas e nacionalistas recoñecen que hai problemas pero negaron o seu apoio á reclamación dos populares. O PSOE propoñía un acordo alternativo que reducía con moito a petición do PP, xa que se limitaba a reclamar unha ampliación dos medios materiais, sen facer expresión ao reforzo dos medios humanos “tan necesarios para que non continúe a precariedade no servizo”. No caso do BNG a súa proposta describía a necesidade de ampliar os medios persoais e materiais pero exclusivamente no referente ás embarcacións pesqueiras e o servizo aéreo, ampliando ademáis este reforzo a conxunto de Galicia. A devandita petición desvirtuaba a natureza do acordo proposto polo PP que se circunscribía a grave problemática xurdida en Ribadeo e na que reclaman un reforzo amplo, non so circunscrito ás embarcacións e os medios aéreos.

Sete meses despois o Goberno central trasladou unha nova patrulleira para substituír á embarcación danada. Os populares buscan que esta substitución sexa permanente e o reforzo algo máis ca un “simple parche para apagar a polémica xurdida tras a desprotección e vulnerabilidade da nosa costa”

Exit mobile version