Site icon Crónica3.com A Mariña

Para ADEGA o futuro do galego non pode someterse a referendum

COMPOSTELA .-Segundo ADEGA, temos na Galiza unha especie única, que só existe nesta parte do mundo: un endemismo, que se di en ecoloxía. Este endemismo atópase en perigo de extinción debido a que a administración non se preocupa por fornecerlle un hábitat favorábel, o espazo vital que precisa na escola e na sociedade. O Decreto 124/2007 viña a garantir o dereito á supervivencia do galego no ensino, en cumprimento do marco de convivencia estatutario. A súa derogación representa a consolidación da competencia desleal dunha especie alóctona, tan instalada que case se percibe como autóctona, como pasa co “alcolito”… Esiximos dos poderes públicos respecto e compromiso coa nosa língua: O FUTURO DO GALEGO NON PODE SOMETERSE A REFERÉNDUM !

Alguén non sabe aínda de que estamos a falar? A nosa língua non pode manterse viva sen falantes, sen unha comunidade que a use a cotío e que comparta unha cosmovisión configurada por ela. Nese senso, non está garantida a súa supervivencia, malia que nos digan que todo vai ben porque está na tele, no DOG, en discursos de políticos e intelectuais, en libros de ciencia e de poemas: Isto equivale a crer que unha especie está a salvo porque quedan exemplares dela no zoo ou no xardín botánico.
A poboación podería sobrevivir cun código lingüístico distinto do galego. No entanto, cada idioma conforma un xeito particular de percibir e dar sentido ao mundo, produto da adaptación secular a un medio concreto, e por iso non se trata só (aínda que tamén) de reivindicar o noso por ser tan válido coma calquera outro, tan digno e respectable. Non. Igual que o trigo do país era o máis axeitado para cultivar no noso agro ou que só os carballos ananos soportan a bravura do vento no Pindo, non haberá lingua máis acaída para a realidade que nos toca vivir, e desde logo ningunha que se axuste coa mesma perfección á nosa cultura, xa que ambas evolucionaron á vez. Co abandono da fala propia perdemos o froito dese proceso. Trátase, portanto dunha reivindicación de fonda raigame ecoloxista, e así se recolle nos os Estatutos de ADEGA.
A língua e tamén sinal de identidade, marca de galeguidade. Falamos da dimensión ética e ecoloxista, a do dereito á diferenza e a do deber cara á preservación da diversidade polo seu valor en si mesma. Case ninguén di xa que tanto ten que unha especie se extinga, por que non acontece o mesmo con respecto ás linguas e culturas?
Por todo isto, non só temos o dereito a cultivar este endemismo de noso que se chama língua galega, senón tamén o deber de conservalo. E conservar non significa meter o galego nunha lata, nin no conxelador, nin nas páxinas do DOG: non se trata de retardar a súa agonía, senón de que remonte o voo, de que ince, de que floreza, de que lle cheguen, por fin, aquelas míticas mil primaveras. E para iso, cómpre comezar a traballar esa nosa leira dende a escola, de darlle unha oportunidade para estea cando menos nas mesmas condicións que o castelán.
Se só temos un monocultivo de eucaliptos, quen seremos nós sen os nosos bosques? E quen seremos nós se perdemos a nosa língua? A defensa do galego, ao igual que a protección dunha especie ameazada, non pode someterse a referendum!

Exit mobile version