Site icon Crónica3.com A Mariña

Responsables da Deputación recibiron en San Marcos ao equipo de FSF Burela Pescados Rubén

LUGO .- As xogadoras e o equipo directivo do Burela Pescados Rubén de fútbol sala feminino foron recibidos no Pazo de San Marcos, en Lugo, polo vicepresidente da Deputación, Antón Bao, e o delegado da Área de Deporte desta institución, Antonio Veiga.  Este acto debese ao logro acadado polo equipo ó ascender a división de Honor, máxima categoría do fútbol sala feminino nacional. A esta recepción tamén foron convidados os voceiros dos grupos políticos con representación na Deputación de Lugo.
Nota de Prensa

O EQUIPO DE FÚTBOL SALA FEMININO BURELA PESCADOS RUBEN VISITA O PAZO DE SAN MARCOS

A Área de Deportes da Deputación homenaxea ao conxunto logo de ascender á máxima categoría estatal desta modalidade deportiva, a División de Honor

LUGO, 20 de xuño de 2009. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, e o delegado da Área de Deporte desta institución, Antonio Veiga,  recibiron este sábado ás integrantes e ao equipo directivo do Burela Pescados Rubén FSF logo de conseguir, o pasado 16 de maio, o ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino nacional: a División de Honor. O Pazo de San Marcos acolleu esta recepción  á que foron convidados os voceiros dos grupos políticos con representación na Deputación de Lugo.

Antón Bao aproveitou a súa intervención para felicitar ao Burela Pescados Rubén mentres se refería ao club como “todo un referente do deporte feminino e concretamente do fútbol sala en Lugo e, por extensión, en Galiza e no resto de España”. Ademais, o vicepresidente da Deputación salientou o “esforzo” e “gran traballo realizado polas propias xogadoras e o equipo directivo para sustentar unha entidade deportiva destas características”. Así, o nacionalista lembrou as dificultades existentes neste contexto de crise económica para manter vivo un deporte considerado minoritario. Nesta liña, Bao instou ás administracións a que apoien con maior énfase este tipo de proxectos e, tamén, a presenza das mulleres no ámbito do deporte profesional.

Alén disto, o delegado da Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, comentou que é precisamente o deporte feminino o que está a alcanzar “grandes logros nos últimos tempos”. A modo de exemplo, o nacionalista lembrou que hai tan só uns meses, o Club Voleibol Ribeira Sacra se proclamaba campión da Superliga Femenina 2, a atleta lucense Alessandra Aguilar conseguía no Maratón de Hamburgo a marca que lle permitirá participar no mes de agosto no Campionato do Mundo de Berlín e, recentemente, a judoka Sara Álvarez quedou terceira na Copa do Mundo de Madrid.

Pola súa banda, o vicepresidente do Burela Pescados Rubén Fútbol Sala, José Saa, agradeceu o apoio da Deputación de Lugo, a través da súa Área de Deporte, e das aquelas empresas privadas que fan posible que “este proxecto siga vivo”. No que atinxe ao ascenso á División de Honor do fútbol sala feminino estatal, Saa asegurou que este “é un logro único que nos enche de ledicia e que supón para o Burela Fútbol Sala Feminino un fito histórico sen antecedentes en Lugo”.

Exit mobile version