Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo o PP o informe de viabilidade do dique de Alcoa estará listo en catro meses

NOTA DE PRENSA
Así o explicou o deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol remitíndose a un documento do Ente Público Portos de Galicia que establece as liñas mestras sobre as que se debe pronunciar o futuro informe
O INFORME DE VIABILIDADE SOBRE A APERTURA DO DIQUE NORTE DE ALCOA, QUE PREPARA A XUNTA, ESTARÁ LISTO EN CATRO MESES

* TRIPLO OBXECTIVO: Portos de Galicia pretende dar resposta con este documento e dun xeito coordinado, á futura apertura do dique de abrigo ao tráfico comercial xeral pero tamén, ás necesidades de ampliación que ten o actual concesionario do porto de San Ciprián para atender ao seu propio tráfico, e finalmente, avaliará a potenciación do uso deportivo e pesqueiro do peirao de Morás.

A Mariña, 25 de xuño de 2009.- O deputado do Partido Popular Jose Manuel Balseiro Orol explicou en rolda de prensa celebrada esta mañá en Viveiro que o informe de viabilidade sobre a apertura do dique norte de Alcoa, que prepara a Xunta, estará listo en catro meses. O parlamentario remitiuse a un documento elaborado polo Ente Público Portos de Galicia onde se establecen as liñas mestras sobre as que se debe pronunciar o futuro informe. “É a folla de ruta que determina os pasos a seguir e os distintos aspectos a analizar para estudar desde un punto de vista técnico a viabilidade de acometer esta infraestrutura”

TRIPLO OBXECTIVO

Balseiro explicou que o novo Goberno de Galicia traballa cun triplo obxectivo. Non só se estudará a futura apertura do dique de abrigo para outro tipo de tráficos comerciais distintos dos actuais, senón que tamén se avaliarán as necesidades de ampliación do actual Porto comercial de San Ciprián (o xestionado por Alcoa) para que poida atender no futuro ao seu propio tráfico. O terceiro dos aspectos a avaliar é a potenciación do uso deportivo e pesqueiro do peirao de Morás.

Este triplo obxectivo supón unha nova perspectiva moito máis ambiciosa que a de acometer en exclusiva a apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte, e multiplica a rendibilidade social e económica do proxecto que se podería desenvolver no futuro. Portos de Galicia tamén centrará o seu interese nas posibles necesidades da actual concesionaria (a empresa Alcoa, de gran importancia desde o punto de vista social e laboral) e na potenciación das instalacións que existen no espazo coñecido como portiño Morás.

¿CAL SERÁ O CONTIDO DO INFORME?

Debullando un por un as cuestións que formarán parte do contido final do informe que prepara Portos de Galicia, Balseiro Orol explicou que comezará realizando unha avaliación dos aspectos técnicos a desenvolver co obxecto de axeitar as actuais infraestruturas ao fin requirido. O documento cita expresamente a máis que probable necesidade de recrecido do dique norte e dunha ampliación e adecuación do seu peirao. En todo caso, Balseiro salientou que o grande investimento que se requiriría nun primeiro momento para acometer esta actuación, estaría máis que compensado polo beneficio que se podería obter no futuro e, incluso tendo en conta o volume de operacións e tráfico que se xeraría, este esforzo económico estaría compensado nuns poucos anos grazas aos ingresos xerados pola nova dársena.

O informe tamén contempla as necesidades en materia de equipamento portuario e as dotacións de maquinaria e outro tipo de elementos necesarios para a correcta explotación e prestación dos servizos que se pretenden desenvolver alí, tanto desde o punto de vista do seu uso comercial, como pesqueiro ou –no referente ao portiño de Morás- na súa vertente náutico-recreativa

Unha infraestrutura destas características precisa tamén dunha avaliación da accesibilidade e conectividade do recinto portuario, tanto desde o punto de vista marítimo como pesqueiro. Balseiro salientou a posición estratéxica deste porto e a súa proximidade á futura vía de alta capacidade “Ferrol-San Cibrao-Barreiros”

Portos de Galicia non deixará de analizar tamén o tráfico actual (tipo e tonelaxe dos buques, frecuencia das escalas). A idea do Goberno galego é estimar desde un punto de vista técnico a capacidade do futuro porto e a compatibilidade dos actuais fluxos cun incremento do tráfico comercial. “En definitiva, ofreceremos unha análise obxectiva e non política sobre a viabilidade desta infraestrutura, para rachar con escusas que non teñan fundamento, e para garantir que a decisión respecto da súa apertura é totalmente beneficiosa para todos”

Un apartado final do futuro informe versará sobre o modelo de xestión portuaria. “Non podemos nin queremos obviar a singularidade administrativa e de xestión na que se atopa sometido o porto e o seu contorno.A idea e procurar os pasos a seguir para lograr a potenciación e consolidación dos novos usos previstos. Dándolle ademais unha perspectiva non exclusivamente económica senón tamén ambiental e social.

“NON É UN CAPRICHO POLÍTICO, É PENSAR NO FUTURO DA MARIÑA”

En catro meses polo tanto, disporemos das conclusións do informe de viabilidade sobre a apertura do Porto de San Ciprián ao tráfico xeral comercial. Unha actuación que foi cualificada polo deputado popular como “o compromiso máis salientable nunca antes desenvolvido por unha administración respecto desta infraestrutura estratéxica”. Nesa liña quixo clarexar que non se trata dun capricho da súa formación política, nin de forzar ao Goberno central para que faga un imposible. É todo o contrario, queremos demostrar, sen espazo para a menor dúbida, que o proxecto é viable técnica e economicamente, queremos en definitiva, pensar no futuro da Mariña e contribuír a desenvolver aquelas estratexias que redunden nun maior beneficio social, nun maior progreso, na xeración e consolidación de novos postos de traballo.

Exit mobile version