Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente de Sogacopal valora positivamente as xornadas sobre coidados paliativos

RIBADEO (FNC) .-. Tras dous días de traballo en Ribadeo, o presidente da Sociedade Galega de Coidados Paliativos, Carlos Fernández Fraga, fai un balance moi positivo “porque acudiron a esta cita máis da metade dos socios de Sogacopal e outras persoas interesadas, ata chegar a máis de 90 participantes. Consideramos que os obxectivos se cumpriron tanto desde o punto de vista científico como social e tivemos a fortuna de que a inauguración a fixera a directora xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Nieves Domínguez”.

Fernández Fraga fai unha reflexión sobre a prestación dos coidados paliativos “os traballos non están máis que comezados. Estamos atendendo de forma un pouco irregular ao territorio aínda, de xeito que cubrimos algunhas zonas moi ben, pero noutras nos faltan recursos para chegar a todas as persoas necesitadas. Sen embargo houbo unha grande melloría nos dous últimos anos. A directora xeral nos garantiu a continuidade no desenvolvemento dos coidados paliativos en Galicia, amosouse moi comprometida con elas o que nos satisfixo moito”.

O presidente de Sogacopal asegura que continuarán “na liña de desenvolver actividades formativas para aumentar a competencia especialmente nas áreas de investigación que permiten mellorar moito a calidade e tamén na área da bioética na que estamos moi implicados polo tipo de traballo. A nosa meta é que mellore a atención nos días finais da vida e das persoas que teñen máis sufrimento nese tempo. É o noso interese fundamental”.

Sogacopal organizará o vindeiro ano na Coruña o congreso nacional de coidados paliativos que coincidirá coa súa sexta xuntanza.

Exit mobile version