Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación adquire 800 toneladas de emulsión asfáltica para o arranxo de vías municipais

LUGO .- A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a contratación de 800 toneladas de emulsión asfáltica de grande durabilidade por valor de 278.400 euros, que serán empregadas polas máquinas do Parque Móbil para o arranxo, mantemento e limpeza de vías municipais. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, explicou que “estamos a facer un esforzo importante, pero á vez imprescindible, para atender ás necesidades dos Concellos da nosa provincia, contrariamente ó que facía o Partido Popular, que entre outras cousas, o que fixo na súa etapa ó fronte da Deputación foi desmantelar o Parque Móbil, de xeito que inutilizaron un instrumento fundamental de cooperación cos Concellos de menores recursos. Hai que ter un conta que a provincia de Lugo ten moitos miles de quilómetros de estradas locais e é moi difícil mantelas nun bo estado. Por tanto, necesítase da colaboración do organismo provincial”.

Na actualidade, estas máquinas están a traballar en pistas de Navia de Suarna e de Palas de Rei. “Como ven son dous Concellos de distinta cor política, cousa que antes non se facía. Agora todos reciben exactamente o mesmo tratamento sexan da cor que sexan, contrariamente ó que pensa o voceiro do PP na Deputación”. Co obxectivo de satisfacer esta demanda, o equipo de goberno aumentou o presuposto do Parque Móbil en 2009 un 90%. Pasamos de 1,3 millóns de euros en 2007 a 2,6 en 2009.

1M€ para as Aulas da Natureza

Dentro do programa europeo Lug02, aprobouse por valor de 1 millón de euros conceder á Fundación CREA a dotación de contidos para as Aulas de Interpretación da Natureza e participación en redes de intercambio de experiencias. O obxectivo desta actuación “é favorecer a difusión e sensibilización do patrimonio cultural, natural e etnográfico dos espazos protexidos de forma conxunta, xa que o futuro da provincia pasa polo ecoturismo”.

Para materializar o acordo, a institución provincial e dita Fundación asinarán un convenio de colaboración.

Outros acordos da Xunta de Goberno

Acórdase a contratación da obra, incluída no POS 2009, Pol- Ribeira de Piquín-A Fonsagrada. O proxecto inclúe o acondicionamento dos treitos de Rioxoan por Boel, Chao de Pousadoiro e Carballido a Asturias. O importe da obra é de 707.849 euros. “É unha obra importante porque comunica distintos Concellos da montaña luguesa coa comunidade asturiana”, apuntou Gato Soengas.

Tamén se aprobaron 24 contas xustificativas. Destas, 19 pertencen ó Plan de Comunidades Veciñais de 2008 e 5 ó de 2007. Suman 308.475 euros, dos que a Deputación achega 192.207. Corresponden ós Concellos de Antas de Ulla (3), Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Guitiriz, Guntín (3), o Incio (2), Lugo (3), Monforte de Lemos, Monterroso (2), A Pontenova, Sober, Abadín (2), e Vilalba.

Asimesmo, a Xunta de Goberno, deu o visto e prace ó informe dos servizo de Vías e Obras sobre o escrito da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia referente ó cambio de ubicación do enlace de Sabugueira, do punto quilométrico 6,300 ó 5,520, correspondente ó proxecto de trazado da autovía Ourense-Lugo (A56), no treito que afecta á provincia Taboada-Narón.

Malia que se considera que o cambio de situación do Enlace de Sabugueira conforme se describe no documento é axeitado, desde a Deputación plantéxase que sería máis positivo o deseño da intersección en T que se proxecta coa estrada N-540 “Lugo-Ourense” se contase con carrís centrais de espera, xa que se consideran unha medida favorable para a seguridade vial de todos os usuarios da mencionada estrada.

Exit mobile version