Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación apoia propostas de concellos de A Mariña sobre o trazado da autovía

LUGO .- A Xunta de Goberno da Deputación aprobou, entre outros asuntos relativos á provincia, o informe realizado polo servizo de Vías e Obras sobre o estudo informativo da autovía San Cibrao-Barreiros, apoiando a proposta dos concellos. Tamén deu o visto e prace a contas xustificativas de gastos para varios concellos, entre eles os de Foz e Viveiro.

NOTA DE PRENSA.
A Deputación aproba 7 obras en vías provinciais por valor de 5,4 millóns de euros

– A instititución provincial acondicionará 57,6 quilómetros de estradas nos Concellos de Monforte de Lemos, A Pontenova, Becerreá, Baralla, Sarria, Lugo e Castro de Rei

– Gato Soengas subliñou que “estes investimentos son aportados ó 100% pola Deputación, o que representa un esforzo por mellorar toda a rede viaria. Na época do PP facíanse pequenos arranxos, pero non eran actuacións integrais nas vías provinciais como o que se pretende agora”

– A Xunta de Goberno aproba por unanimidade o acordo do equipo de goberno na que se solicita á USC o mantemento da titulación de Enxeñería Técnica Industrial

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a contratación de 3 obras en estradas provinciais e a adxudicación provisional doutras 4 nas que o organismo provincial levará a cabo obras de mellora e de acondicionamento, e que suman 5.364.681 millóns de euros. O voceiro provincial socialista subliñou que “estes investimentos son aportados ó 100% con fondos propios da Deputación, o que representa un claro exemplo do grande esforzo inversor que estamos a facer para mellorar a rede viaria provincial”.

En total, acometeranse estes traballos en 57,6 quilómetros que pertencen a vías provinciais dos Concellos de Monforte de Lemos, A Pontenova, Becerreá, Baralla, Sarria, Lugo e Castro de Rei. As obras que se contrataron incluén o acondicionamento da CP 3208 de Seoane, por Cinsa, a Pol, desde o punto quilométrico 0,000 ó 4,320, no Concello de Monforte de Lemos (680.000 euros); da CP 4308 de Pontenova a Aguaxosa, desde o punto quilométrico 0,000 ó 11,000 (1 millón de euros); da CP 0701 de Cereixal ó Cádavo, desde o punto quilométrico 0,000 ó 8,470; e da CP 0501 desde a LU-710 polo Casino á de Cereixal e ó Cádavo, nos puntos quilométricos 0,000 ó 1,010. Estas últimas dúas obras afectan ós Concellos de Becerreá e Baralla e foron contratadas por valor de 770.000 euros.

Antonio Gato explicou tamén que se adxudicaron provisionalmente outras catro nas que se procederá á mellora e renovación do afirmado: no Concello de Sarria, e por un importe de 759.330 euros, a CP 5706, desde a LU-636 por Seteventos a Monseiro (punto quilométrico 0,000 ó 5,015) e da CP 5707 de Aguiada a Louseiro (punto quilométrico 0,000 ó 1,750); no Concello de Becerreá, e cun custe de 713.570 euros, a CP 0708 de Cereixal a Louxas, desde o punto quilométrico 0,000 ó 10,000; no Concello de Lugo, e por valor de 551.541 euros, a CP 2906 de Arrierías por Cuiña a Vilalbite, desde o punto quilométrico 0,000 ó 5,850; e no Concello de Castro de Rei, e por un importe 890.000 euros, a CP 1102 de Coto A, por Ansemar, a Castro Riberas de Lea e acceso a Castro de Viladonga, desde o punto quilométrico 0,000 ó 10,24. A primeira e a última adxudicáronse a Asogal, a segunda a Taboada e Ramos e, a terceira, a Construcións Rafer.

Neste senso, o voceiro provincial socialista subliñou que “faleilles de tramos para resaltar que no goberno do PP facíanse arranxos de 200 e 300 metros, pero non eran actuacións integrais nas vías provinciais como o que se pretende agora. Eu xa non sei se esta semana nos atoparemos coa particular letanía de Barreiro e de Barcia, o que demostra unha total falta de rigor no seu exercicio de oposición”. Gato Soengas engadiu, ademais, que “chegan a dicir que a Deputación se converteu nunha mala axencia de viaxes. O certo é que desde hai algún tempo estamos ensinando o Pazo Provincial e a provincia a todos os lugueses e luguesas a través de Km0 e de distintos actos culturais. É verdade que os veciños están a coñecer á provincia, por iso nisto nos parecemos a unha axencia de viaxes. Precisamente, isto é o que lle produce unha ansiedade diaria ós do PP, xa que agora non se fan viaxes a Namibia, Tanzania e Johannesburgo a conta dos recursos da Fundación TOR. Agora poñemos os recursos a disposición dos cidadáns, aínda que tamén adicamos algún tempo a amañar os grandes fiascos que nos deixou o anterior goberno”.

Mantemento da titulación da Enxeñería Técnica Industrial

Tralo debate xerado sobre a continuidade da titulación de Enxeñería Técnica Industrial no Campus de Lugo, a Xunta de Goberno aprobou, por unanimidade e fóra da Orde do Día, o acordo no que se solicita á Universidade de Santiago de Compostela a que garanta o mantemento da titulación da Enxeñería Técnica Industrial (especialidade de Química Industrial) no Campus de Lugo.

Asimesmo, tamén se deu o visto e prace a 15 contas xustificativas, das que 3 pertencen ó Plan de Comunidades Veciñais de 2007 e o resto ó de 2008. Suman un total de 165.404 euros, dos que a Deputación achega 105.052. Pertencen ós Concellos de Guntín, (3), O Corgo, Chantada, Foz, Friol, Guitiriz, Láncara, Lugo, Outeiro de Rei, Pantón, Pedrafita do Cebreiro, Taboada e Viveiro.

A Xunta de Goberno tamén aprobou o informe realizado polo servizo de Vías e Obras da Deputación sobre o estudo informativo da autovía San Cibrao-Barreiros. Deste xeito, o organismo provincial apoia a proposta manifestada polo Concello mariñano.

Exit mobile version