Site icon Crónica3.com A Mariña

“A Deputación está a provocar malestar” entre empresas pola política de contratación, asegura o PP

Nota de Prensa

O GPPP advirte que a Deputación está a provocar malestar entre as empresas da provincia pola súa política de contratación

* As condicións que lle requiren para optar ós concursos públicos son tan peculiares e específicas que están a xerar moitas protestas entre o empresariado sobre todo porque as beneficiarias son sempre as mesmas, aseguran os populares

Lugo, a 24 de xullo de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular acusa á Deputación de organizar hoxe unha xornada informativa sobre xestión de fondos europeos para tentar acalar as queixas suscitadas entre as empresas de servicios polas condicións nas que se están a realizar adxudicacións por parte da Administración provincial na que, ademais, non se admitiu o plantexamento de ningunha pregunta oral.

As empresas do sector amosaron o seu descontento polo feito de que nos plegos de condicións aprobados pola Deputación para acceder a concursos de adxudicación de servicios establecénse condicións que, nalgúns casos, resultan extremadamente peculiares, como pode ser que o persoal que traballa na empresa aspirante reúna unhas características moi específicas, tales coma que, por exemplo, conte cun técnico medioambiental con cinco anos de experiencia.

Outros exemplos poden ser que se esixa un director de proxecto que sea inxeñeiro, con dez anos de experiencia e amplos coñecementos na dirección de proxectos e xestión de fondos comunitarios e con cinco anos de experiencia mínima; ou incluso un xefe de equipo titulado en económicas, empresariais ou administración de empresas, con tres anos de experiencia mínima na verificación de axudas e subvencións cofinanciadas con fondos europeos para organismos de control tanto nacionais coma comunitarios; ou outro xefe de equipo con experiencia na análise e diseño de procedementos en organismos e institucións públicas durante, como mínimo, cinco anos.

O establecemento de condicións tan específicas para a adxudicación de servicios estase a dar principalmente en áreas relacionadas cos programas Km0, Lugo2 e Innóvate. E o número de empresas que logran a concesión é tan reducido que pode contarse cos dedos dunha man e aínda sobran.

Tamén no caso de adxudicación de obras de reparación ou acondicionamento, cuxos importes rondan os 50.000 euros e incluso algo máis, que se realizan por contratación directa se dá a circunstancia de que o número de empresas beneficiarias é moi reducido, tanto que se limita a dúas, é dicir, son sempre as mesmas. Un feito do que se deriva que provincia de Lugo hai moi poucas empresas con capacidade para executar este tipo de obras ou que na designación das agraciadas priman outras consideracións. Esa é, na opinión dos populares, a clase de apoio que a Deputación está a prestar ós sectores productivos da provincia.

Exit mobile version