Site icon Crónica3.com A Mariña

Celso Dourado valora positivamente a acollida de visitantes a súa casa museo Eido Dourado

BARREIROS (FNC) .- O artista, Celso Dourado, fixo balance dos primeiros quince días da apertura do seu Eido Dourado. Neste tempo acudiron á casa-museo entre 600 e 700 persoas, “un resultado excelente se pensamos que ainda é o inicio do verán e hai pouca xente”. Entre os turistas que visitan a obra de Celso Dourado, a procedencia é moi distinta, hai un porcentaxe importante de extranxeiros,  alemáns e holandeses, tamén xente do interior, de Asturias e veciños de A Mariña de municipios como Mondoñedo, Lourenzá ou Ribadeo.

Celso Dourado afirmou que nestes quince días “se pode facer un balance tremendamente positivo. Contando que é un tipo de evento cultural, para un público que non é maioritario, e que nos atopamos nunha zona rural teño que dicir que está acudindo moita xente. Eu non sospeitaba que no primeiro ano tivera tanta acollida”. A obra de Celso Dourado non se limita á plástica senón que tamén acada a xardinería e a arquitectura da casa. O artista barreirense engadiu que  “os visitantes conceden un valor importante aos cadros pero o xardín zen, de cuarzo branco, ten unha sorprendente acollida pola súa orixinalidade. Outra xente fíxase no que é o continente, na edificación, no espazo arquitectónico ao estar feito de materiais reciclados, moita pedra, moita madeira. Por sorte, tanto o espazo paisaxístico, coma o arquitectónico e a plástica son obras do mesmo autor e como eu sempre dixen, é un concepto glogal que ten que ser mirado como tal, o mesmo autor en distintos aspectos”.

Eido Dourado, a exposición permanente de Celso Dourado, está formada por cadros elaborados con técnicas pouco habituais como poligrafías e boligrafías. O seu autor confirmou que “entre os visitantes chaman moito a atención os feitos con bolígrafo porque é máis coñecido e a xente pregúntase como cun simple bolígrafo se poden facer esas obras”.

A Eido Dourado achéganse tamén persoeiros da vida cultural galega, como foi o caso hai uns días do cantautor Mini, recentemente galardoado co Pedrón de ouro, que acudiu coa súa familia a coñecer a exposición permanente de Celso Dourado

Exit mobile version