Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo propón que a autovía de Barreiros a San Cibrao pase entre os límites de Rúa e San Román

CERVO .- Cervo propón un trazado alternativo para a autovía San Ciprián a Barreiros co fin de evitar partir en dous o núcleo de poboación e as zonas habitadas de San Román e transcorre entre os límites desta parroquia e a súa veciña de Rúa. Esta proposta xorde das xuntanzas do concello de Cervo cos veciños das distintas parroquias do termo municipal e nas que se deu a coñecer o trazado que o Ministerio de Fomento propón para a autovía San Ciprián-Barreiros

NOTA DE PRENSA

A proposta, que o Alcalde elevará para a súa aprobación en Pleno, incorpora as suxestións realizadas polos veciños nas distintas xuntanzas que o Concello de Cervo organizou polas parroquias co obxecto de dar a coñecer o estudo elaborado polo Ministerio de Fomento

CERVO PROPÓN UN TRAZADO ALTERNATIVO PARA A AUTOVÍA SAN CIPRIÁN-BARREIROS AO SEU PASO POLO MUNICIPIO

* En liñas xerais o novo trazado evita partir en dous o núcleo de poboación e as zonas habitadas de San Román e transcorre entre os límites desta parroquia e a súa veciña de Rúa.

* Alfonso Villares adianta que manterá unha reunión cos alcaldes de Burela e Foz para aunar criterios en relación con este nova vía.

Cervo, 24 de xullo de 2009.- No día de onte concluíron as xuntanzas convocadas polo Concello de Cervo cos veciños das distintas parroquias do termo municipal e nas que se deu a coñecer, en presenza dos técnicos de urbanismo e de membros do Equipo de Goberno, o trazado que o Ministerio de Fomento propón para a autovía San Ciprián-Barreiros e que, na actualidade está a en fase de exposición pública, pendente das alegacións que se poidan realizar respecto do seu contido.

Ao remate das mesmas o Alcalde de Cervo, Alfonso Villares deu a coñecer proporá un trazado alternativo para esta vía ao seu paso polo noso termo municipal. A devandita proposta que será elevada para a súa aprobación polo Pleno da Corporación Municipal, xorde como consecuencia das suxestións realizadas polos distintos veciños nas diversas xuntanzas mantidas ata o momento, e ten por obxecto ofrecer un trazado capaz de acadar maior consenso, máis acorde cos distintos intereses e de maior efectividade práctica.

En liñas xerais, o trazado alternativo que defenderá o Concello de Cervo evitar romper en dous o núcleo de poboación e as zonas habitadas de San Román, e transcorrería precisamente entre os límites desta parroquia e súa veciña de Rúa.

Alfonso Villares explicou tamén que ten previsto concertar unha xuntanza cos seus homólogos, os rexedores dos concellos veciños de Burela e Foz –afectados tamén polo paso da nova autovía- de tal xeito que poidan aunar criterios en relación con esta infraestrutura.

Exit mobile version